A campaña ‘Se ti non tratas, non hai trata’ do Concello de Santiago pon o foco nas persoas explotadoras

O Concello de Santiago quere poñer o foco sobre as persoas explotadoras no Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, que se conmemora o vindeiro 18 de outubro. Baixo o lema ‘Se ti non tratas, non hai trata’, o Goberno municipal diríxese directamente a aquelas persoas que se lucran ilicitamente convertendo a mulleres, homes, nenas e nenos en mercancía, obxectos explotados e comerciados. “Pensa por un momento: e se ninguén tratase, existiría a trata?”, pregúntase no díptico desta campaña de sensibilización.

A trata é un delito que viola os dereitos humanos, atenta contra a dignidade, integridade e a liberdade das persoas. Consiste na captación, transporte, traslado, acollida ou recepciónde persoas, empregando as ameazas, uso da forza ou outras formas de coacción, secuestro, fraude, engano, abuso de poder ou situación de vulnerabilidade…, con fins de explotación. Tráfico de órganos, adopcións ilegais, mendicidade forzada, explotación sexual ou traballos forzados son algúns dos abusos que sofren as vítimas.

O venres 18 de outubro instalarase unha carpa informativa na praza do Toural e o luns 21 desenvolverase unha charla no CSC Maruxa e Coralia

Programa

O propio Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, o venres 18 de outubro, instalarase unha carpa na praza do Toural na que se distribuirán os dípticos informativos e materiais de sensibilización da campaña ‘Se ti non tratas, non hai trata’. Estará aberta de 11.00 a 19:00 horas.

Ademais, o luns 21 de outubro ás 19:00 desenvolverase unha mesa redonda no centro sociocultural Maruxa e Coralia (Praza de Salvador Parga, 4) que estará moderada pola xornalista Sonia Díaz. A charla contará coa participación de Helga Pita Romero, coordinadora da delegación en Galicia da ONG Fiet, especializada na detección e atención integral a vítimas de trata de seres humanos; Iria Gippini, coordinadora da ONG Médicos do Mundo Galicia; e unha representante do programa Vagalume, que ofrece atención integral a mulleres en contextos de prostitución e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Algúns datos

O número de vítimas da trata en todo o mundo estímase en 2,5 millóns, aínda que por cada persoa identificada hai 20 sen identificar.

O 42% destas vítimas son mulleres, un 23% homes, o 18% nenas e un 17% nenos. En canto á trata con fins de explotación sexual, o 99% son mulleres e nenas, 9 de cada 10. Por iso, a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible incorporou a loita contra a trata dentro do obxectivo de eliminar todas as formas de violencia contra as mulleres e nenas.

Por outro lado, calcúlase que 1 de cada 4 vítimas da trata no mundo son persoas menores de idade que sofren unha violencia física, o dobre de extrema que as persoas adultas.

Segundo datos estatais, Galiza no último lustro, rexistra o 31% dos casos de mendicidade forzosa.

O 60% das persoas detidas por tales delitos foron homes e o 40% mulleres, maioritariamente de nacionalidade española.

DÍPTICO DA CAMPAÑA

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.