Muses, creación artística cunha mirada feminista

A Casa Xohana Torres acolleu, do 28 de xuño ao 2 de xullo, actividades do proxecto MUSES. Un proxecto de cooperación estratéxica no ámbito da xuventude e subvencionado polo programa europeo Erasmus+. A través das vivencias e a obra das creadoras, experimentan con técnicas, ferramentas e métodos para o descubrimento, análise e difusión da cultura e das artes cunha mirada feminista.

Técnicas, ferramentas e métodos para o descubrimento, análise e difusión da cultura e a creación artística cunha mirada feminista

Este ano Muses acolle mozos e mozas entre 13 e 18 anos e profesionais da educación non formal de Portugal, Italia e Galicia. Traballarán analizando os estereotipos de xénero vixentes e investigando, mapeando e facendo un rexistro audiovisual de mulleres artistas destes países. Froito deste proceso, está previsto a realización de 15 vídeos que recollerán experiencias inspiradoras de creativas, artistas e/ou mulleres que traballan no ámbito cultural e das artes. Deste xeito, confróntanse prexuízos por razón de xénero e dáse mostra da diversidade e riqueza do patrimonio cultural e artístico.

O proxecto tamén prevé a elaboración dunha infografía ilustrada “Xénero, cultura e educación xuvenil” con recomendacións pedagóxicas para persoas traballadoras. Tamén se elaborará a guía didáctica “Dinamización cultural con perspectiva de xénero para adolescentes”. Esta guía contará con diversas actividades dispoñibles ligadas ao proxecto para ser utilizadas, replicadas e/ou adaptadas por quen desexe.

Entre as entidades coordinadoras está “Xandobela”, asociación compostelá que traballa no ámbito da cultura e da educación non formal.

As accións, produtos e resultados estarán dispoñibles baixo licencia Creative Commons

Os resultados de MUSES serán de gran utilidade para profesionais dos ámbitos educativo, cultural e patrimonial. Ademais, estarán avalados por unha experimentación e avaliación exhaustiva, e serán susceptibles de ser aplicados nos seus contextos de intervención. A motivación principal das entidades organizadoras é que as accións, produtos e resultados do proxecto sexan inspiradores, prácticos e transferibles. Polo tanto, os produtos do proxecto MUSES serán multilingües e estarán dispoñibles en liña baixo licencia Creative Commons.

Máis información na web🔗: https://museserasmusplus.weebly.com/

Actividades MUSES Actividades MUSES