Nova web do CIM coa que visibilizar e poñer en valor as súas actividades e prestacións

O pasado 8 de xullo, a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou a nova web do Centro de Información ás Mulleres (CIM): cimcompostela.gal. Estivo acompañada polo equipa que conforma o CIM: Teresa Furelos, Gloria Novo, Loli Lajos, Ricardo Rivera e Chus Taboada. En representación da empresa que desenvolveu a web estivo Yara Prieto Lareo.

Con este novo espazo web quérese visibilizar e informar sobre o labor do CIM de Santiago

Mercedes Rosón sinalou que “dende o departamento de Igualdade existe unha profunda interese por visibilizar e poñer en valor as diferentes actividades e prestacións levada a cabo polo CIM e resaltando o papel do mesmo ao longo dos seus 30 anos de historia”. Así, con este novo espazo web quérese visibilizar e informar sobre o labor do CIM de Santiago, que cumpre 30 anos.

Esta páxina web accesible á cidadanía vai acompañada dunha nova identidade corporativa e nace cun dobre obxectivo:

  • Visibilizar e informar sobre as actividades e servizos do CIM.
  • Animar á cidadanía a implicarse de xeito activo nas actividades propostas e acceder a asistencia ofertada nas distintas áreas de actuación que compoñen o CIM.
A primeira acción foi a creación e deseño dunha identidade corporativa propia

Pola súa parte, Yara Prieto, explicou o proceso de deseño e desenvolvemento da web cimcompostela.gal. A primeira acción que se levou a cabo foi a creación e deseño dunha identidade corporativa propia, que reflectise os valores e propósito do CIM. Así, as cores empregadas son o violeta, en representación da igualdade, e por outro lado, un verde lima, como elemento que dotase de frescura. Ambas cores crean un conxunto estético harmónico e moi visual que consegue transmitir unha imaxe fresca e innovadora”, sinalou Yara Prieto. Procurouse tamén que a imaxe fose coherente e representativa de todas as accións que se leven a cabo dende o CIM. E, en definitiva, que o Centro de Información ás Mulleres teña unha imaxe que recoñecible. Así, outra acción que se considerou importante era presentar e resaltar a historia do CIM a través dun vídeo curto.

O espazo web do CIM componse de 8 bloques principais

Durante a rolda de prensa, tamén se presentou en detalle a estrutura da web. En primeiro lugar, comentouse que aparece sempre un aviso en formato pop up, a través do cal, se facilita a solicitude directa de cita previa. Os apartados dos que se compón o espazo web do CIM son os seguintes:

  • Inicio: nesta primeira páxina inclúese o vídeo de presentación que se activa de xeito automático. A continuación, facilítanse accesos directos de interese ao resto das páxinas.
  • Nós: preséntanse os obxectivos principais e valores do CIM, así como o equipo que o conforma.
  • Que facemos: este apartado está distribuído nas dúas áreas de traballo principais do CIM (intervención e comunitaria).
  • Á túa disposición: inclúense accesos directos a outras webs e documentos que poden ser de interese para o público obxectivo da web, como por exemplo a Casa Xohana Torres.
  • Axenda: apartado para a consulta de todas as actividades programadas dende a Concellería de Igualdade. Tamén inclúe a posibilidade de que calquera persoa ou entidade que queira difundir a súa programación poida solicitar engadir eventos. Unha vez tramitada a solicitude e comprobado polo equipo do CIM que cumpre os requisitos, presentarase na axenda.
  • Novas: neste espazo recóllense todas as noticias completas.
  • Galería: recóllense imaxes dos diferentes espazos dos que dispón o centro e dos proxectos desenvoltos ao longo da súa historia. Para facilitar a búsqueda de imaxe, emprégase un sistema de etiquetas.
  • Contacto: apartado que conta con teléfono e correo electrónico, así como un formulario directo de contacto.

Conxuntamente coa creación do espazo web, activáronse perfís propios en redes sociais (Facebook e Instagram). Durante o primeiro mes, toda a información incluída na páxina web difundirase en redes sociais en forma de pequenas pílulas.

Máis información: