A programación de setembro da Casa Xohana Torres acolle obradoiros e cursos de prevención, visibilización e actuación fronte ás violencias machistas

A Casa Xohana Torres inaugura o último trimestre do ano con obradoiros e cursos de prevención, visibilización e actuación fronte ás violencias machistas. As actividades organízanse en colaboración con diversas entidades, asociacións e persoas a título individual, e teñen o nexo común de ser espazos reflexivos, sensibilizadores e de diálogo sobre diversas temáticas.

A programación de actividades de setembro pretende ser un espazo reflexivo, sensibilizador e de diálogo sobre diversas temáticas

Deste xeito, o pasado 2 de setembro, FADEMUR Galicia organizou unha formación dirixida a todas as persoas interesadas en dotarse de ferramentas para a detección precoz da violencia machista no ámbito rural. Este obradoiro viña a dar algunhas claves de prevención e actuación fronte á Violencia de Xénero no medio rural en situación de emerxencia sanitaria e pandemia.

Co inicio da segunda semana do mes, SEDRA e a Asociación Arraianas achegaron á Casa o obradoiro “Construíndo desde o bo trato”. Esta actividade abordou a sexualidade e prevención da violencia de xénero entre a mocidade de orixe migrante. Desenvolveuse en 2 sesións, comezando coa primeira o luns 6 de setembro, e rematando o pasado 8 de setembro.

O día 9 de setembro ás 19h chega a quenda da actividade “Poñendo en valor o vivencial: recital e proxección”. Da man de Aranxa Vicens preséntase o recital “Flor de Cempasúchil”, no que expresa as vivencias e resistencias que viven as persoas migrantes e/ou racializadas. Tamén se proxecta a curtametraxe “Naoko”, a súa primeira peza audiovisual na que pon en cuestión a construción das familias interraciais e o choque de culturas existente na concepción da familia. Así, esta actividade pretende ser un espazo de encontro onde dialogar, de forma enriquecedora, sobre o rescate da memoria histórica dos procesos vivenciais. O 24 de setembro iníciase o curso en liña “Mocidade desmontando o patriarcado” con metodoloxías para a prevención das violencias machistas. Este curso, dirixido a persoas educadoras de espazos non escolares, terá unha sesión presencial na Casa Xohana Torres.

Os últimos martes de cada mes terán lugar os “MARTES DE CINE FORUM – FEMINISTA”

Este mes de setembro, tamén se estrea un ciclo de cine fórum que terá lugar os últimos martes de cada mes na Casa Xohana Torres: os “MARTES DE CINE FORUM – FEMINISTA”. Así, o martes 28 de setembro, o primeiro audiovisual que se proxectará será o documental “En deuda con todas”. Este documental social ten como obxectivo chamar a atención sobre a vulneración de dereitos que sofren as mulleres salvadoreñas. Pero tamén contribuír, á loita dos colectivos feministas que no país centroamericano esixen unha lexislación que non vulnere os Dereitos Humanos e que garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos ideolóxicos.

Para inscribirse nas actividades organizadas pola Casa Xohana Torres, só é preciso acceder ao seguinte formulario: Inscrición. E, en caso de querer obter máis información sobre algunha das actividades, podes escribir ao correo electrónico: casaxt@santiagodecompostela.gal

Segue todas as novidades nas redes sociais da Casa:
Instagram | Twitter | Facebook