Confederación Intersindical Galega. Secretaría das Mulleres

Sobre nos…

Que é a Confederación Intersindical Galega?

A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, CXTG e INTG, que asinaran previamente un pacto de alianza o 2 de abril de 1990.

A orixe da CIG, e da INTG e CXTG, remóntase ás loitas sindicais da década dos 70 en Galiza, co nacemento de varias organizacións sectoriais, entre as que cómpre salientar o SOG (Sindicato Obreiro Galego), que deu orixe no ano 1977 á ING (Intersindical Nacional
Galega), que se unificará posteriormente coa CTG (Confederación de Traballadores Galegos) e mais a CSG (Central Sindical Galega). Deste proceso de converxencia nacen a INTG e a CXTG, que agora se unifican na CIG.

A CIG é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.

A Confederación Intersindical Galega ten como obxectivos básicos a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras; o impulso do Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluíndo o dereito de autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as materias, etc.

O Consello Confederal da CIG, máximo organismo entre Congresos, reúnese cada 3 meses e conta cuns 100 membros. O Secretariado está composto por 29 membros, ten como finalidade facer o seguimento da acción sindical e reivindicativa sectorial e
comarcal, e reúnese cada mes e medio. E a Executiva Confederal está composta por 12 membros e xúntase cada semana ordinariamente. O/A Secretario/a Xeral exerce a máxima representación da CIG e coordina os organismos confederais a nivel nacional. Todos os membros da Executiva e o Secretario Xeral son elixidos en Congreso.

A Confederación Intersindical Galega está integrada por 7 comarcas (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo) e 8 federacións sectoriais (Administración Pública; Banca, Aforro, Seguros e Oficinas; Construción e Madeira; Ensino; Industria; FGAMT (Alimentación, Mar, Téxtil e Transporte e Comunicacións); Saúde; Servizos).

A afiliación realízase na central sindical, que conta con 55 locais en todo o país dedicados a temas especificamente laborais, e unha ducia máis para formación ocupacional e continua (de persoal en paro ou activo). A sede central está na cidade de Compostela e é o centro de reunións dos organismos. A Confederación conta cunha publicación periódica propia, o Tempo Sindical, que ten unha tiraxe de 65.000 exemplares así como cun Boletín Sindical de 10.000 exemplares dedicado a temas e feitos puntuais. Así mesmo, posúe o sitio web www.cig.gal, que se renova diariamente.

A CIG é a primeira forza sindical en Galiza polo número de delegados e delegadas escollidas nas eleccións sindicais.Ten a condición de “sindicato máis representativo” a nivel de todo o Estado español xunto a CCOO, UGT e os sindicatos vascos ELA e LAB. Por esta razón, participa nos organismos tripartitos de ámbito estatal INEM, INSALUD, INSS, ISM, INSERSO, Consejo Económico y Social, Consejo General de Emigración, etc.) e noutros de ámbito nacional galego (Consello Galego de Relacións Laborais, Consello Galego das Mulleres, Consello Económico e Social, etc).

Cales son os seus obxectivos?

A Confederación Intersindical Galega (en siglas, CIG) é unha organización sindical dos traballadores e das traballadoras galegas, constituída para a mellor defensa dos seus intereses, desde unha perspectiva de clase, feminista e non patriarcal, que aspira a unha Galiza plenamente soberana e sen explotación. A CIG exprésase en galego, que defende como único idioma oficial de Galiza, promove a súa completa normalización e comprométese a facer un uso non sexista da lingua. Respecta o uso das distintas formas da escrita entre a súa afiliación.

Que actividades, servizos ou accións realiza?

Accións de rúa e/ou de presión (manifestacións, concentracións, recollida de firmas, envío de cartas, etc.)

Publicacións (fanzines, revistas, posts en blogs e/ou redes sociais, etc.)

Atención xurídica

Produción de materiais audiovisuais (radio, vídeo, cine, etc.)

Atención psicolóxica

Outras

Contacto

677 45 73 01

muller@galizacig.gal

www.cig.gal/muller

Redes sociais