PFG. Plataforma Feminsta Galega

Sobre nos…

A Plataforma Feminista Galega é unha organización feminista independente que reúne a mulleres de diversas procedencias políticas que asumen o compromiso social de loitar contras as violencias machistas e que tanto de forma individual como integradas en coletivos levamos tempo traballando xuntas e por iso decidimos construír un espazo de traballo común no que podamos sentarnos a debater, a loitar xuntas.

Consideramos ao patriarcado e ao sistema capitalista como elementos que se complementan. O sistema patriarcal é anterior ao capitalismo, por iso a destrución do sistema capitalista non implica a destrución do patriarcado, xa que o sistema patriarcal é unha estrutura transversal que afecta a todas as clases sociais.

Organizámonos de forma totalmente ASEMBLEARIA, entendendo unha asemblea como un espazo de debate na procura de consenso, onde todas as nosas voces teñen a mesma validez; e a autoxestión como forma de financiamento.

Loitamos polos dereitos da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida persoal. A SEXUALIDADE debe estar caracterizada por relacións libres entre persoas, sen tabús nin opresión sexual.

Rexeitamos a división sexual do traballo que se impón nas nosas vidas e no mercado laboral, afectando os salarios, despedimentos improcedentes e os roles condicionados ao xénero.

Reivindicamos por tanto a igualdade social, política e laboral entre homes e mulleres.

Aínda que compartimos ideoloxías de ESQUERDAS, a Plataforma Feminista Galega non está ligada a ningunha corrente política concreta, nin desexa ser asociada a ningún partido, organización ou sindicato.

Consideramos igual de importante tanto a ACCIÓN social e a loita continuada nas rúas, como a FORMACIÓN e concienciación persoal e a construción dunha teoría feminista sólida.

Cales son os seus obxectivos?

A defensa e loita polos dereitos das mulleres constituíndose, pois, en canle de denuncia de situacións especialmente gravosas para elas.

Traballar en todos aqueles aspectos que atinxan as mulleres en todos os ámbitos: social, político, sanitario, económico, laboral, etc. loitando e defendendo as formulacións en favor da igualdade das mulleres en todos os aspectos.

Propoñer solucións e instar aos gobernos para que impulsen e fagan cumprir as disposicións legais que posibilitan que as mulleres gocen das mesmas oportunidades en todas as esferas da súa vida (medio rural, civil, económica, social, cultural, política, etc.).

Divulgar o respecto, desenvolvemento e efectividade dos dereitos humanos das mulleres.

A promoción e desenvolvemento de estruturas que posibiliten a loita contra a violencia machista, solicitando os apoios sociais e/ou institucionais necesarios para a súa erradicación.

Potenciar a relación entre os distintos estamentos que interveñen no proceso de loita contra a violencia de xénero, fomentando así a conxunción de distintas experiencias e perspectivas na busca da necesaria eliminación de toda forma de violencia contra as mulleres

A defensa dos dereitos LGTBI e a denuncia de todas as agresións heteropatriarcais ao colectivo

A loita contra a explotación, trata e escravitude sexual.

Fomentar os valores dos feminismos a través da coordinación, realización e preparación de actividades con distintos organismos.

A construción dun movemento feminista combativo e unitario, con base nos valores de colectividade, solidariedade e apoio mutuo.

A coordinación, colaboración e traballo conxunto con outros espazos feministas e movementos sociais co fin de transversalizar o discurso feminista en todos os espazos de loita existentes así como o seu tratamento.

A coeducación así como o seu tratamento a través da súa análise coeducativo no conxunto da súa complexidade e diversidade de temáticas adaptado a todos os niveis educativos.

Que actividades, servizos ou accións realiza?

Accións de rúa e/ou de presión (manifestacións, concentracións, recollida de firmas, envío de cartas, etc.)

Publicacións (fanzines, revistas, posts en blogs e/ou redes sociais, etc.)

Faladoiros,obradoiros, conferencias, coloquios

Contacto

pfgcompostela@gmail.com

www.plataformafeministagalega.org

Redes sociais