
Na nosa historia e memoria social segue a estar invisibilizado o papel desenvolvido por mulleres e persoas do colectivo LGBTIQA+. Proba disto é que as referencias a mulleres na trama urbana de Santiago de Compostela están lonxe de ser equitativas ás existentes aos homes e son case nulas as referencias ao colectivo LGBTIQA+.
Como unha estratexia para romper con esta invisibilidade, Pegadas Feministas busca proporcionar un “roteiro virtual” no que poder pasear polo mapa de Santiago de Compostela coñecendo mulleres e persoas LGBTIQA+, así como lugares e organizacións sociais que tiveron relevancia social dentro do marco da conquista de dereitos sociais e políticos relacionados coa igualdade e coa visibilidade destes colectivos.
Este roteiro contou coa gran colaboración de María Novas, do proxecto “Dexeneroconstrucións”, e de Sofía Gutiérrez do proxecto “Creando Cidade” que proporcionaron informacións dos seus traballos de investigación. Esta é unha proposta viva na que tamén podes participar proporcionando información sobre algunha figura ou lugar que tivo relevancia dentro do marco da igualdade no ámbito local de Santiago de Compostela.