Loading Events

« All Events

  • This event has passed.

O Concello e a USC organizan a III Feira de Emprendedoras do 25 ao 30 de outubro

Outubro 25, 2021 @ 12:00 p.m. - Outubro 27, 2021 @ 2:00 p.m. UTC+1

O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC) organizan de novo a Feira de Emprendedoras de Compostela, unha feira que quere visibilizar as mulleres emprendedoras que están creando tecido empresarial innovador, con valor engadido, na comarca de Compostela. Este ano vai dirixida ás universitarias da USC aínda que a feira está aberta a toda a cidadanía.

O programa completo da Feira, que chega neste 2021 á súa terceira edición, foi presentado en rolda de prensa polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo; e pola técnica da USC Eva López.

O rexedor amosou a súa satisfacción por unha nova colaboración entre ambas institucións nun ámbito como o emprendemento e a innovación, “a clave do futuro”, sinalou o rexedor, “e neste caso en clave de xénero”. A vicerreitora manifestouse no mesmo sentido indicando que “nos consolidamos como referente do traballo colaborativo”.

Esta III Feira de outono de Compostela é un encontro entre universitarias xurdidas da USC, referentes como creadoras e sustentadoras dun tecido empresarial feminista, con valor engadido e RSE na área de Compostela, con alumnas que estudan diferentes disciplinas na USC, ou que estudaron e xa acabaron, e contemplan o emprendemento como unha saída laboral. Un encontro para crear un diálogo directo entre referentes de liderados feministas, con proxectos innovadores e emerxentes, ou futuras emprendedoras universitarias.

Este evento conta cunha parte de formación que terá lugar no Salón Nobre do os días 25, 26 e 27 de outubro, de 12:00 – 14:00 h. As universitarias recibirán ao longo destes días unha formación teórica sobre emprendemento con perspectiva de xénero, farán unha análise sobre o espírito emprendedor nas mulleres, elaborarán un Canvas feminista e tratarán a importancia de aplicar a innovación e a creatividade ao tecido empresarial, entre outras temáticas.

O día 28 de outubro farán un percorrido por empresas da comarca de Compostela, con liderados femininos, e que son un modelo de negocio referente para a actual crise sanitaria, social e empresarial que estamos vivindo.

Estas visitas teñen o propósito de que as universitarias coñezan de cerca a aplicación da formación teórica recibida e o funcionamento da mesma, en empresas reais con RSE, “entidades que poñen ás persoas no centro, que achegan valor engadido para a comarca de Compostela e que son modelos de negocio flexibles e adaptables en momentos de crise”, sinalou a vicerreitora.

Feira expositiva no Claustro do Pazo de Fonseca
Os días 29 e 30 de outubro celébrase a Feira expositiva coa presentación de empresas dirixidas por emprendedoras da comarca de Compostela. Estará aberta ao público no Claustro de Fonseca co fin de visibilizar os produtos e servizos creados por entidades innovadoras e que achegan un valor engadido no Concello de Santiago.

Ademais da Feira expositiva tamén se celebrarán mesas redondas nas que se tratarán temáticas como a orientación laboral e a empregabilidade con valor engadido, Compostela como territorio referente na biotecnoloxía, emprendemento na USC nas diferentes disciplinas, emprendemento colaborativo e economía feminista, entre outras.

Todo o evento será retransmitido online a través da canle de Youtube de Woman Emprende.

A inscrición ao evento pode facerse a través da Secretaría Virtual da USC e tamén a través da páxina web de Woman Emprende .

Details

Start:
Outubro 25, 2021 @ 12:00 p.m. UTC+1
End:
Outubro 27, 2021 @ 2:00 p.m. UTC+1
Website:
https://womanemprende.org/

Organizers

Concello de Santiago de Compostela
USC

Venue

Pazo de Fonseca

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.