Educar(se) na diversidade: Ferramentas para traballar a diversidade afectivo-sexual e de xénero nas aulas

Dende a Casa Xohana Torres e dentro da programación do Orgullo 2021 de Compostela organízase o faladoiro formativo “Educar(se) na diversidade”. Neste faladoiro abordaranse ferramentas e estratexias para traballar a diversidade afectivo-sexual e de xénero no ámbito educativo.

Para afrontar as discriminacións, e transformar as realidades inxustas, o ámbito educativo é clave. Pasamos gran parte da nosa vida neste ámbito, onde ademais se establecen boa parte nas nosas relacións sociais. Por iso, os centros de ensino teñen un papel tan importante no proceso de desenvolvemento da identidade das persoas.

Buscas estratexias para afrontar a LGTBIfobia?

Este faladoiro organízase en colaboración coa Asociación Nós Mesmas e será impartido pola educadora social Elisabet Pérez Costas. O obxectivo será proporcionar ferramentas prácticas para abordar cuestións relacionadas co colectivo LGTBI+ nas aulas.

A Asociación Nós Mesmas é unha organización transfeminista, non identitaria, e que conta cunha longa traxectoria na intervención socioeducativa. Entre os seus obxectivos destaca a loita polos dereitos e a visibilidade das mulleres lésbicas, bisexuais e trans para que acaden, dende o seu propio empoderamento, as condicións necesarias para o exercicio e pleno desfrute dos seus dereitos. Tamén desenvolve accións formativas dirixidas a profesorado, alumnado e familias sobre a diversidade afectivo-sexual e de xénero.

Queres coñecer a experiencia da Rede Escola Segura?

A Asociación Nós Mesmas promove o proxecto estatal Rede Escolas Seguras e participan na creación de grupos de apoio mutuo de alumnado LGTBI+. Contan con servizos de información, asesoramento e atención psicosocial a persoas LGTBI+, familias e profesionais que traballan no eido socioeducativo.

Máis información e reserva de prazas

Actividade aberta a toda a cidadanía. Reserva a túa praza escribindo a casaxt@santiagodecompostela.gal ou chamando ao teléfono 608710978

As prazas son limitadas, ata completar o aforo máximo de 12 persoas. Tamén é posible participar seguindo a emisión en directo a través do perfil de Instagram ou Facebook da Casa.