Quero reservar a Casa Xohana Torres, cales son os pasos?

[1] Consulta a dispoñibilidade dos espazos da Casa na axenda ou contactando coa equipa técnica de coordinación e funcionamento da Casa escribindo a casaxt@santiagodecompostela.gal ou chamando ao 608 710 978.

[2] Cubre o formulario da Casa coa información da actividade, indicando: a persoa responsable da mesma, día e horario de realización e os recursos da Casa que precises.

[3] Para concretar a reserva podes realizala a través de rexistro presencial ou electrónico:

  • Se optas polo rexistro presencial, é preciso solicitar cita previa chamando ao 881505107 ou na web: https://citaprevia.santiagodecompostela.gal/. Debes presentar o formulario da Casa cuberto. O Rexistro Xeral Municipal está na rúa Presidente Salvador Allende, nº4 baixo. 
  • Se optas polo rexistro electrónico: accede a través da redsara (rexistro electrónico estatal): https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do. Cubre os datos na plataforma e adxunta o formulario da Casa cuberto. Se tes dúbidas, consulta a guía de uso.

[4] Envía o xustificante do rexistro ao correo casaxt@santiagodecompostela.gal para o bloqueo da data e recursos solicitados. 

[5] Se marcaches a opción “recibir alertas no correo”, chegarache unha confirmación da solicitude ao teu correo electrónico.

Quen pode facer a reserva?

Pode facela calquera persoa, colectivo ou entidade que queira realizar actividades sen ánimo de lucro na Casa Xohana Torres. As actividades que se desenvolvan deben cumprir co Decálogo de uso da Casa e deben axustarse aos principios e liñas de actuación da Casa:

  • Fomentar a participación e o asociacionismo das mulleres e persoas do colectivo LGTBIQA+ en todos os ámbitos da vida cotiá.
  • Favorecer a formación, sensibilización e información ao redor da igualdade e os feminismos.
  • Favorecer a innovación, a cultura e a articulación de novos enfoques en materia de igualdade.
  • Favorecer a convivencia a tecer relacións duradeiras de confianza e colaboración entre mulleres e persoas do colectivo LGTBIQA+.
  • Impulsar o intercambio de saberes entre mulleres e a creación de sinerxías feministas.
  • Contribuír ao deseño e ao desenvolvemento das políticas públicas, programas e proxectos transformadores de igualdade.

Espazos da Casa

Sala 1

Ten capacidade para 8 persoas. Conta con cadeiras e unha mesa redonda movible.

Sala 2

Ten capacidade para 6 persoas. Está localizada entre as outras salas. Conta con cadeiras e unha mesa rectangular movible, ademais dispón dun pequeno office con vertedoiro, un microondas e un quentador de auga.

Sala 3

Ten capacidade para 12 persoas. Dispón dun proxector, unha pantalla, cadeiras e unha mesa rectangular movible.

Ademais das salas, a Casa conta cun vestíbulo xeral e dous aseos. Un deles con cambiador de bebés e adaptado para persoas con diversidade funcional.