Educar(se) na diversidade

 

O mércores 23 de xuño ás 18:30h, tivo lugar na Casa Xohana Torres o Faladoiro formativo «Educar(se) na diversidade», unha das actividades da programación de Compostela Diversa 2021.

Esta actividade tivo como obxectivo principal proporcionar ferramentas para traballar a diversidade afectivo-sexual e de xénero nas aulas. Tal e como comezou apuntando Elisabet Pérez, a Educadora Social da Asociación Nós Mesmas encargada de impartir o faladoiro formativo, ferramentas para a aula hai moitas, pero a máis importante son as propias persoas que exercen como formadoras, educadoras e docentes nas aulas, e esa é a que hai que cultivar. A educación constitúe un alicerce fundamental, e sen ela non conseguiriamos seguir loitando polos nosos dereitos. E partindo destas premisas, durante algo máis de unha hora, ademais de incidir na importancia de abordar a diversidade nas aulas, xa que entre outras cuestións posibilita que se vaian creando contornas seguras e se loite contra a LGTBIfobia, compartiu boas prácticas e mostrou un montón de ferramentas coas que poder traballar nas diferentes etapas educativas. E, para que a experiencia resultase aínda máis enriquecedora, foi estimulando a participación das persoas asistentes, para que compartisen ideas e formulasen as súas dúbidas.

Tamén foi posible participar seguindo a emisión en directo a través do perfil de Instagram da Casa.