25N Santiago

Non mires para outro lado.
Se non queres ser cómplice, mellor implícate.

A campaña contra as Violencias Machistas do Concello de Santiago que desenmascara a inacción como complicidade.

Nun contexto de crecemento do negacionismo e de falta de compromiso na loita contra as violencias machistas, o Concello de Santiago lanza unha nova campaña dirixida a toda a cidadanía, resaltando a importancia de implicarse activamente e evitar ser parte do silencio que perpetúa a inacción e, por tanto, a violencia. Esta iniciativa, en liña co compromiso da Corporación Municipal, subliña a necesidade de intensificar os traballos na prevención da violencia machista e de fomentar a educación en igualdade, áreas nas que o Concello está comprometido a concentrar esforzos.

A campaña xorde como resposta á alarmante estatística reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.” Ante esta realidade, o Concello aposta por unha iniciativa que busca activar a conciencia social en Compostela e convida á cidadanía a deixar de lado a pasividade e a actuar de maneira comprometida na loita contra as violencias machistas.

A campaña, baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia.

A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañadas de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá.

Este enfoque pretende que a cidadanía sinta o peso da inacción e recoñeza que a falta de acción é tamén unha forma de complicidade coa violencia. O Concello de Santiago reafirma así a súa aposta por promover unha educación que axude a desmantelar os micromachismos, desde unha perspectiva de xénero e de prevención efectiva, para rachar coa cultura de inacción fronte ás violencias machistas.

Unha aposta polo impacto visual e o contido dixital

A campaña non se limita a mensaxes visuais en espazos públicos, senón que tamén inclúe un plan de contidos dixitais que aborda as formas cotiás nas que se pode actuar para rachar coa cultura da inacción e do negacionismo. 

Desta maneira, ao largo do mes de novembro, os perfís de redes sociais de Igualdade irán enchéndose de contidos variados sobre a cuestión. Entre eles, contidos sobre as accións que se poden levar a cabo para deixar de mirar para outro lado.

Un equipo especializado e integrado por mulleres

A campaña foi creada por un equipo de mulleres do ámbito creativo, comprometidas co enfoque de igualdade e coidadosamente deseñada para interpelar a cidadanía dende unha perspectiva de xénero. Ademais, o proceso contou cunha asesoría especializada que garantiu que cada mensaxe e elemento visual da campaña reflectise con sensibilidade e precisión a problemática das violencias machistas, promovendo a reflexión colectiva e a responsabilidade social.

SOLICITA MATERIAIS DESTA CAMPAÑA NO TELÉFONO 621681064

Unha vez solicitados, os mateiriais deben recollerse entre o 18 e o 23 de novembro (ambos incluídos) na Casa Xohana Torres en horario de 9:30 a 14:30 e 16:30 a 20:30 h.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.