TROULA SEGURA

Protocolo para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas nos Espazos de Ocio Nocturno do Concello de Santiago de Compostela

O Protocolo “Troula Segura” é o nome que se lle outorgou ao Protocolo para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas nos Espazos de Ocio Nocturno do Concello de Santiago de Compostela.

Trátase dunha ferramenta impulsada desde o Concello de Santiago de Compostela, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), que xorde como resposta á demanda dun dos principais axentes de ocio nocturno da cidade: as asociacións profesionais de hostalería.

Con esta ferramenta búscase que os espazos de ocio nocturno sexan axentes activos e comprometidos, con capacidade para xerar cambios e actuar a prol da erradicación destas formas de violencia machista. Así mesmo, tamén se procura o fomento dunha cultura de “tolerancia cero” para garantir o desfrute de toda a cidadanía desde a liberdade, a igualdade e a seguridade.

A través da implementación do Protocolo “Troula Segura” no municipio, preténdese previr posibles situacións de violencia sexual e LGTBIfobia nos espazos de ocio nocturno, así como poñer a disposición das persoas responsables e traballadoras unha serie de estratexias e pautas básicas para a súa abordaxe, de forma unificada e coordinada.

CALES SON OS OBXECTIVOS A ACADAR?

  • Visibilizar e desnaturalizar as diferentes formas de violencia sexual e LGTBIfóbica que se poden identificar no contexto do ocio nocturno.

  • Xerar unha resposta institucional contundente e dispoñer dun marco de actuación coordinado e unificado fronte as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno.

  • Implicar todos os axentes, servizos e recursos na corresponsabilidade da resposta ante as violencias machistas e, máis concretamente, ante as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, ofrecendo unha atención integral e de calidade ás persoas que enfrontan estas violencias.

  • Fomentar a resposta cidadá contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, potenciando unha cultura de “tolerancia cero” ante calquera agresión machista e discriminatoria nos espazos de ocio nocturno.

  • Facilitar e promover a creación de espazos de ocio nocturno seguros, libres e igualitarios.

  • Desenvolver accións para previr a manifestación das violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno do municipio.

ESPAZOS ADHERIDOS AO PROTOCOLO "TROULA SEGURA"

Preme no botón para acceder á información detallada de cada un dos espazos adheridos ao Protocolo “Troula Segura”.

COMO ADHERIRSE?

O Protocolo “Troula Segura” comezou a funcionar dirixíndose a todos os espazos de ocio nocturno do Concello de Santiago de Compostela que asumiran o compromiso de previr, detectar e actuar ante situacións de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica.

Agora, a adhesión ao Protocolo está aberta a todo tipo de establecementos de hostalería ou entidades que desenvolven a súa actividade no ámbito do lecer.

Por tanto, os espazos que desexen sumarse ao Protocolo, terán que seguir os seguintes pasos para formalizar a súa adhesión.

1. REALIZAR A SOLICITUDE DE ADHESIÓN

Esta poderá ser solicitada polos seguintes axentes:

  • Persoa e/ou entidade titular do establecemento de hostalería;
  • Persoa e/ou entidade que solicite unha licenza e/ou permiso para a celebración de calquera evento festivo e/ou recreativo;
  • Persoa titular da licenza de taxi;
  • Asociacións profesionais que representan os intereses dalgún sector ou actividade profesional vencellada ao ámbito do lecer;
  • Outras entidades e organismos, públicos ou privados, que participan promovendo ou proveendo un servizo en eventos vencellados ao ámbito do lecer.

A solicitude de adhesión realizarase cubrindo o seguinte formulario: preme aquí

Á hora de cubrir a solicitude de adhesión, cada espazo poderá elixir a data e a modalidade (online ou presencial) na que desexan participar na formación inicial para a aplicación do Protocolo.

Ao asinar e enviar a solicitude de adhesión, cada espazo estará aceptando e asumindo os compromisos vencellados ao Protocolo “Troula Segura”.

2. CUMPRIR COS REQUISITOS PARA FORMALIZAR A ADHESIÓN

Recibida a solicitude de adhesión ao Protocolo, a Área de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela informará sobre como acceder á acción formativa para a aplicación do Protocolo.

Esta formación inicial constitúe un requisito imprescindible para a formalización da adhesión ao Protocolo.

3. RECIBIR A CONFIRMACIÓN FORMAL DA ADHESIÓN

Tras a verificación da documentación remitida e a superación da formación inicial, emitirase unha comunicación afirmativa e farase entrega dos materiais elaborados no marco do Protocolo “Troula Segura”.

  • Guía Operativa para a Abordaxe das Violencias Sexuais e LGTBIfóbicas nos Espazos de Ocio Nocturno.
  • Distintivo para visibilizar a adhesión ao Protocolo.
  • Adhesivos informativos para os baños.
  • Cartel con información sobre os principais recursos e servizos de atención especializados.
  • Dípticos con información sobre como actuar en caso de sufrir ou presenciar algunha destas formas de violencia machista.
  • Follas para o rexistro e seguimento de posibles situacións de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica.

EN QUE CONSISTE A FORMACIÓN PARA A APLICACIÓN DO PROTOCOLO “TROULA SEGURA”?

A formación inicial para a aplicación do Protocolo “Troula Segura” está enfocada no coñecemento dos distintos apartados que conforman o documento do Protocolo. Deste xeito, afondarase no marco normativo e conceptual ao que está suxeito o Protocolo, coñecendo a lexislación vixente, as tipoloxías e as diferentes formas de manifestación das violencias sexuais e LGTBIfóbicas.

Así mesmo, realizarase un percorrido polo circuíto básico de actuación, incidindo en cada unha das súas fases: detección, atención e actuación, e rexistro e seguimento. Trátase de coñecer o conxunto de principios e pautas básicas de actuación, que orientarán o papel a desenvolver por parte dos axentes de ocio nocturno á hora de abordar situacións de violencia sexual e/ou LGTBIfobia nos seus espazos de traballo.

Á súa vez, proporcionaranse unha serie de recomendacións relacionadas coa atención inmediata ás persoas vítimas dalgún tipo de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica.

Esta acción formativa inicial poderá ser realizada en modalidade presencial ou online.

Modalidade presencial

A formación en modalidade presencial terá lugar de 10:00h. a 14:30h. en CABES - Casa de Asociacións de Benestar Social (Rúa Manuel María, Nº 6 – Salgueiriños).

As datas das edicións formativas abertas son as seguintes >

Datas

✍️ 1ª EDICIÓN: 16 de abril

✍️ 2ª EDICIÓN: 5 de xuño

Modalidade online

Para a realización da formación en modalidade online, a Área de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela facilitará aos axentes que solicitaron a súa adhesión unhas credenciais, individuais e intransferibles, para acceder á plataforma online.

As datas das edicións formativas abertas son as seguintes >

Datas

💻1ª EDICIÓN: Do 1 ao 21 de abril

💻2ª EDICIÓN: Do 29 de abril ao 19 de maio

💻 3ª EDICIÓN: Do 27 de maio ao 16 de xuño

💻4ª EDICIÓN: Do 24 de xuño ao 14 de xullo

💻5ª EDICIÓN: Do 4 ao 25 de setembro

💻 6ª EDICIÓN: Do 30 de setembro ao 21 de outubro

CONSULTA OS MATERIAIS INFORMATIVOS DO PROTOCOLO “TROULA SEGURA”!

CONTACTO

Se tes dúbidas ou precisas máis información, podes poñerte en contacto con nós.
Escríbenos un correo electrónico ou ponte en contacto telefónico!

Correo electrónico: troulasegura@santiagodecompostela.gal

Teléfono: 608 201 251

Ou, se o prefires, emprega o formulario de contacto.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.