A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio polas dúas mulleres asasinadas en Cádiz o 23 de agosto e en Granada o 6 de maio, vítimas de violencia machista.Membros da Corporación participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo das mulleres asasinadas. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.
A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.