Santiago pon en marcha un protocolo pioneiro na creación de espazos de lecer nocturno seguros, libres e igualitarios

O Pleno ordinario de decembro tomará coñecemento do acordo da Xunta de Goberno que aproba o texto do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas, para promover a creación de espazos de ocio nocturno seguros, libres e igualitarios en Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa pioneira que converte Santiago de Compostela na primeira cidade en aprobar un protocolo destas características. Entre os obxectivos deste protocolo está implicar todos os axentes, servizos e recursos na corresponsabilidade da resposta ante as violencias machistas e, máis concretamente, ante as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, ofrecendo unha atención integral e de calidade ás persoas que enfrontan esas violencias. Ademais, fomenta a resposta cidadá contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, potenciando unha cultura de “tolerancia cero” ante calquera agresión machista e discriminatoria nos espazos de ocio nocturno e promove a creación de espazos de ocio nocturno seguros, libres e igualitarios.

Con este protocolo póñense a disposición das persoas responsables e traballadoras dos espazos de ocio nocturno ferramentas de apoio, estratexias e recursos, para a prevención de situación de violencia sexual e/ou LGTBIfóbica e, de ser o caso, para a súa detección, atención e actuación de forma coordinada e unificada.

O Centro de Información ás Mulleres de Santiago de Compostela (CIM) impulsou este protocolo, que xorde como resposta á demanda dun dos principais axentes de ocio nocturno: as asociacións profesionais de hostalaría da cidade. Conscientes da importancia de dotar o persoal traballador e responsable destes espazos dunha ferramenta de apoio e de articular unha estratexia coordinada e intersectorial, participaron activamente no seu deseño, xunto con entidades do Terceiro Sector e institucións con responsabilidade na atención ás persoas afectadas por estas violencias machistas.

Con esta ferramenta búscase que os espazos de ocio nocturno sexan axentes activos e comprometidos, con capacidade para actuar e xerar cambios a prol da erradicación destas formas violencia machista. Así mesmo, tamén se procura o fomento dunha cultura de tolerancia cero coa violencia de xénero para garantir, no contexto de ocio nocturno, o goce de toda a cidadanía desde a liberdade, a igualdade e a seguridade. Para isto, este protocolo artellouse mediante un amplo proceso participativo.

Aínda que o ocio nocturno de Santiago de Compostela se considera tranquilo, seguro e non masificado tamén é produto da socialización patriarcal, onde se producen desigualdades e situacións de violencias sexuais e LGTBIfóbicas.

Moitas formas das violencias sexuais non son identificadas e socialmente está moi estendida a idea de que só hai violencia sexual cando se fai uso da intimidación ou da forza física, cando constitúen delito. Esta falsa crenza contribúe a invisibilizar outras formas que se producen en gran medida, pero tamén, a que socialmente se manteña a percepción dunha baixa incidencia das violencias sexuais nos espazos de ocio nocturno. Á marxe de que poidan ser delito ou non, todas as formas de violencias sexuais afectan ao benestar físico e emocional das persoas que as sofren.

Espazos de aplicación

Se ben o concepto de ocio nocturno pode resultar moi amplo, o ámbito de aplicación deste protocolo abrangue tres tipos de espazos. Por unha banda, os establecementos de ocio nocturno de titularidade privada abertos ao público, en que se celebran actividades recreativas e en que se ofrecen ás persoas usuarias produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou ocio, como son: os bares, pubs, discotecas, salas de concertos, bares musicais etc. Por outra parte, aqueles eventos que aglutinan espectáculos e actividades recreativas abertas ao público, con independencia da titularidade pública ou privada de quen os organice, da súa finalidade lucrativa ou non lucrativa, e do seu carácter esporádico ou habitual, tales como: festas populares, concertos, festivais, espectáculos públicos nocturnos etc. En terceiro lugar, o sector profesional do taxi; servizo que desenvolve parte da súa actividade en horario nocturno e desde o que tamén se pode contribuír na abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas que se producen en espazos públicos da cidade.

Poden descargar o protocolo no seguinte enlace:

Descarga o protocolo

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.