A Corporación municipal súmase ás reivindicacións do 8M coa aprobación dunha declaración a prol da "erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres”

O Pleno municipal acordou esta mañá aprobar de xeito unánime unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que se fai unha reflexión sobre os logros acadados “que nos camiñan en dirección a termos unha sociedade mellor” e se celebra “o papel das mulleres e do movemento feminista que se esforzan para facelas realidade”. Tamén fai fincapé na importancia da “reivindicación e autocrítica”: “precisamos identificar aquelas áreas onde non demos avanzado ao ritmo que desexariamos, para que todas as persoas ás que nos une ese desexo de construír un futuro en igualdade traballemos para conseguilo”.

A declaración recorda que “Compostela é lugar de referencia para o movemento feminista galego” e “un símbolo da loita e da conquista de dereitos do movemento feminista”, polo que o conxunto da Corporación comprométese a seguir traballando para facer “políticas de igualdade coas que avanzar máis e máis como sociedade”, especialmente neste “momento histórico de gran complexidade, onde o auxe de movementos ultraconservadores e negacionistas das desigualdades sociais, especialmente por razón de xénero, gañan peso a nivel internacional”.

A Declaración fai fincapé no compromiso municipal coa “igualdade e coa erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres” e recoñece a necesidade de que as administracións contribúan “a contrarrestar os discursos de odio e misoxinia, e que sumen máis persoas á loita pola igualdade”.

Neste sentido, o Concello de Santiago xa puxo en marcha nos últimos meses iniciativas como a constitución do Consello Municipal de Igualdade; a recuperación da memoria das mulleres coa designación de novos espazos públicos ou coa celebración das Xornadas sobre o Padroado de Protección á Muller; o reforzo do persoal do CIM; unha maior dotación de recursos para a dinamización da Casa Xohana Torres ou a dedicación do 1% do orzamento municipal para políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero.

Entre os compromisos recollidos no documento está o apoio de todos os grupos municipais ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista neste 8 de marzo, a demanda da creación en Compostela dun xulgado específico de violencia contra as mulleres, dedicar un mínimo do 1% do orzamento municipal en políticas de igualdade e da prevención da violencia de xénero, e a reclamación ao Estado e á Xunta de máis recursos neste ámbito.

A declaración recorda que “Compostela é lugar de referencia para o movemento feminista galego” e "un símbolo da loita e da conquista de dereitos"

Premios ‘Mulleres de Compostela’

O Pleno tamén deu luz verde de xeito unánime á concesión do Premio ‘Mulleres de Compostela’ ás oito persoas escollidas polo Consello Asesor de Condecoracións para recibir este recoñecemento pola súa traxectoria persoal e profesional e a súa vinculación con Santiago. 

Así, recibirán esta condecoración a artista Guadi Galego; a actriz Melania Cruz; Esperanza Nogueira, expresidenta da Asociación A Xunlla de Laraño; Teresa González, expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM); Carme Castro, presidenta do Fútbol Club San Pedro; Pilar Astray, expresidenta da Asociación do Traxe Galego, e as hosteleiras María Suárez e Carmen Iglesias.

A gala de entrega dos premios terá lugar o vindeiro día 7 de marzo no Auditorio de Galicia.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.