O Concello premia oito mulleres referentes para Compostela con motivo do 8 de marzo
A sala Mozart do Auditorio de Galicia, acolleu unha nova gala de entrega dos Premios Mulleres de Compostela 2025, condecoración oficial concedida polo Concello de Santiago, que foi conducido pola xornalista Rosa Aneiros e que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de boa parte da Corporación municipal. Organizado pola Concellería de Igualdade, este evento pretende recoñecer de forma pública a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago, e que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana. A artista Sheila Patricia foi a encargada de abrir o acto coa peza ‘Camiño Branco’.
Na súa intervención de arranque, Rosa Aneiros fixo un repaso polas “mulleres andadoras” que foron facendo camiño como “as nosas queridas Maruxa e Coralia” e recordou que o Día das Letras Galegas deste ano estará dedicado á poesía oral transmitida polas cantareiras, polo que “como fixeron as lavandeiras, as costureiras, as segadoras, as panadeiras faremos o camiño a través do noso concello cantando”, dedicándolle unha cantiga a cada unha das premiadas. A continuación, foi presentando cada unha das mulleres “que representan o mellor de nós, mulleres traballadoras que salientan en diferentes eidos e coas que aprendemos cada día”, que foron subindo ao estrado para recoller o galardón de mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e dos e das representantes dos grupos políticos da Corporación Míriam Louzao, María Rozas, Borja Verea e Mercedes Rosón.
Cada unha das galardoadas recibiu unha xoia personalizada cun sapo en acibeche, prata e filigrana, típicos da ourivería tradicional de Compostela, deseñada pola artista Susi Gesto. Durante a entrega tamén se visualizou un vídeo sobre cada unha das premiadas.
A alcaldesa pechou o acto recordando que por primeira vez este premio Mulleres de Compostela 2025 está recollido no Regulamento do Consello de honras e condecoracións do Concello, reivindicando así “relevancia e oficialidade institucional que merece un recoñecemento destas características”.
Goretti Sanmartín parabenizou as mulleres galardoadas que no día a día “constrúen a Compostela feminista, máis xusta e igualitaria para todas as persoas” e contribuén a formar esa cidade que “recoñece os avances colectivos e do asociacionismo feminista e de mulleres, mais tamén celebra ás que, con nomes e apelidos, desde ámbitos diversos como o deportivo, o social, o artístico, o hostaleiro ou o asociacionismo veciñal, dan o mellor de si propias para facernos avanzar cara o futuro de xustiza que anhelamos”.
Tras a intervención da rexedora, Sheila Patricia puxo o punto final ao acto interpretando as pezas ‘A Moura’ e ‘A Xeitosa’.
Organizado pola Concellería de Igualdade, este evento pretende recoñecer a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago
Galardoadas
No acto, o Concello distinguiu dúas mulleres referentes no mundo da cultura actual: a cantante Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena galega de hoxe en día, antiga compoñente do grupo Berrogüetto, que desde 2009 desenvolveu a súa carreira en solitario con sete discos que a converteron “nunha das cantantes máis queridas e máis seguidas deste país con cheos nos seus concertos e milleiros de voces que corean as súas cancións máis emblemáticas, esas que constitúen xa a banda sonora da nosa vida”, resaltou a condutora. Recolleu o premio a xornalista Marga Pazos, ao atoparse traballando Guadi Galego.
Tamén recibiu o recoñecemento a actriz de cine, teatro e televisión, Melania Cruz, Premio de Cultura Galega das artes escénicas, Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina e María Casares de interpretación, á que a presentadora definiu como “tenaz, talentosa, positiva, amante dos animais e cunha ilusión e paixón inesgotables, porque o seu esforzo non remata cando baixa do escenario senón que segue traballando porque sabe que sempre hai un matiz que marca a diferenza”. Carmen Méndez, tamén actriz, recolleu no seu nome, pois Melania Cruz estaba representando a obra As Desterradas no Teatro Principal.
Recolleron o premio Esperanza Nogueira, durante moitos anos participante activa da Asociación A Xunlla de Laraño, en recoñecemento polo “arduo traballo na asociación de veciñas e veciños da súa parroquia”; e Teresa González, expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) onde se dedicou a “loitar polos dereitos das persoas con esclerose múltiple e conseguir unha correcta atención social, psicolóxica, física-funcional, educativa e sociocomunitaria” dunha patoloxía da que ela mesma foi diagnosticada con apenas 30 anos, e que preside na actualidade a federación galega de persoas afectadas por esta enfermidade, a FEGADEM.
Tamén subiu ao estrado Carme Castro ‘Cuqui’, presidenta do Fútbol Club San Pedro desde 2020, nun recoñecemento “extensivo a todas as mulleres e nais que, non só dende os equipos directivos, como é o seu caso, haxa frío, vento ou chuvia carretan fillas e fillos para adestramentos e animan nas gradas cada fin de semana”.
Outra das condecoracións foi para Pilar Astray, socia activa da Asociación do Traxe Galego desde hai máis de 30 anos, na que desempeñou varios cargos directivos, incluíndo o de presidenta, polo seu labor en defensa deste símbolo “do noso patrimonio que ten que poñerse de moda, sen vergoñas ao vestilo, porque forma parte do noso acervo cultural” a través da o impulso da divulgación e a investigación.
Este recoñecemento municipal tamén o recibiron dúas mulleres referentes da hostalaría compostelá: María Suárez, que rexenta desde 1990 a popular taberna Chantadina no barrio de Sar, “unha muller discreta, sempre cun sorriso, pero coa firmeza necesaria para gobernar unha barra, unha formiguiña que move o mundo”; e Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca na rúa do Franco, no que leva 50 anos á fronte dos fogóns, “un referente da hostelería compostelá tanto pola súa capacidade emprendedora como polo amor pola súa profesión”.