Compostela celebra o 8M coa lectura dun manifesto e co fallo do Premio Xohana Torres
O Concello de Santiago conmemorou hoxe o Día Internacional das Mulleres cun acto institucional no que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes dos grupos municipais que integran a Corporación deron lectura a un manifesto institucional a prol da “erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres”.
O Pazo de Raxoi acolleu a lectura da declaración institucional con motivo do 8 de marzo, que abriu a concelleira María Rozas, seguido das intervencións de Mercedes Rosón, Míriam Louzao e Borja Rubio e con peche a cargo da rexedora.
Con esta declaración pública, aprobada de xeito unánime por todos os membros da Corporación municipal no Pleno do 27 de febreiro, reivindícase con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres 2025, o compromiso de Concello de Santiago a prol da “igualdade e da erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres” e recoñece a necesidade de que as administracións contribúan “a contrarrestar os discursos de odio e misoxinia, e que sumen máis persoas á loita pola igualdade”.
A declaración recorda que “Compostela é lugar de referencia para o movemento feminista galego” e “un símbolo da loita e da conquista de dereitos do movemento feminista”, polo que o conxunto da Corporación comprométese a seguir traballando para facer “políticas de igualdade coas que avanzar máis e máis como sociedade”, especialmente neste “momento histórico de gran complexidade, onde o auxe de movementos ultraconservadores e negacionistas das desigualdades sociais, especialmente por razón de xénero, gañan peso a nivel internacional”.
Neste sentido, o Concello de Santiago xa puxo en marcha nos últimos meses iniciativas como a constitución do Consello Municipal de Igualdade; a recuperación da memoria das mulleres coa designación de novos espazos públicos ou coa celebración das Xornadas sobre o Padroado de Protección á Muller; o reforzo do persoal do CIM; unha maior dotación de recursos para a dinamización da Casa Xohana Torres ou a dedicación do 1% do orzamento municipal para políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero.
Entre os compromisos recollidos no documento está o apoio de todos os grupos municipais ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista neste 8 de marzo, a demanda da creación en Compostela dun xulgado específico de violencia contra as mulleres, dedicar un mínimo do 1% do orzamento municipal en políticas de igualdade e da prevención da violencia de xénero, e a reclamación ao Estado e á Xunta de máis recursos neste ámbito.
O manifesto institucional defende "erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres”
Premio Xohana Torres
Os actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres continuaron no Salón Nobre co acto de entrega do premio Xohana Torres 2024, nunha cerimonia que contou coa presenza dunha nutrida representación da Corporación municipal e dos membros do xurado.
A traballadora do CIM Teresa Furelos foi a encargada de ler a acta do xurado e desvelar o nome da gañadora que nesta edición recaeu, na súa modalidade de ensaio/investigación, en Natalia Jorge Pereira, pola súa obra “Un formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño”, da que o xurado destacou o seu “interese historiográfico e social en relación as mulleres da Raia que conformaron o territorio e as relacións sociais da zona, utilizando multiplicidade de fontes, non só oficiais senón da tradición oral, sendo posible reconstruír liñaxes de trapicheiras, achegarnos á súa subcultura propia e á súa singularidade económica, política, social e xeográfica”. No acto recolleu o premio no seu nome Esmeralda López.
Na categoría audiovisual o xurado decidiu outorgar o premio á longametraxe “Escenas dun consenso”, de Carmen Pérez González Granxeiro, pola súa “gran calidade técnica” e polo interese da proposta “a nivel social, co relato da evolución e problemática do movemento feminista de Compostela”.
A alcaldesa, que abriu o acto do 8M co poema ‘Nai’ de Xohana Torres, parabenizou as premiadas e salientou que se trata de “dous traballos magníficos que paga a pena que vexades e leades con atención”.
O xurado que valorou as cinco obras presentadas estivo integrado pola alcaldesa Goretti Sanmartín; a delegada do reitor da USC para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez; e polas profesoras da USC Marta Rodríguez, Yolanda Martínez, Patricia Alonso e María Pilar Cagiao. A técnica de Igualdade, Silvia Mariño, actuou en calidade de secretaria.
Ambas gañadoras recibirán un premio de 2.500 euros, así como a cobertura dos dereitos de edición e a publicación por parte de Edicións USC. Ademais, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela daranlles a máxima difusión posible aos traballos gañadores en cada unha das modalidades.
O Concello abrirá nos próximos días o prazo de presentación de obras para a edición 2025 do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creacións audiovisuais sobre as mulleres na sociedade galega.