Os grupos municipais reiteran a necesidade de dotar a capital dun xulgado exclusivo de violencia contra as mulleres
Os grupos municipais do Pazo de Raxoi acordaron unha declaración conxunta na que reiteran a necesidade de dotar a capital dun xulgado exclusivo de violencia contra as mulleres sin que isto signifique que se prescinde de ningún outro instrumento xudicial e sen que se elimine ningún outro xulgado de instrución.
Declaración conxunta dos grupos municipais do Concello de Santiago de Compostela
A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, incluía o obxectivo de especializar o tratamento das denuncias por violencia machista. Tamén o Pacto de Estado contra a violencia de xénero sinala, na súa medida número 122, a necesidade de “reforzar a especialización no ámbito procesual intermedio, xulgados do penal, que é o que atende un maior número de casos” de violencia machista.
Tanto a evolución do número de denuncias por violencia machista como as recomendacións para o tratamento especializado destes casos, xustificaron a reclamación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago de Compostela, que foi apoiada pola unanimidade do Pleno da Corporación na sesión ordinaria do 25 de marzo de 2021.
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa reunión do 24 de xaneiro de 2025 acordou solicitar a creación de novas unidades xudiciais en Galicia e o primeiro dos órganos solicitados foi o Xulgado de Violencia sobre as Mulleres de Santiago de Compostela. Esta resolución trae causa tamén do acordo da comisión mixta do día 30 de maio de 2024 entre o Tribunal Superior de Galicia e a Xunta de Galicia.
Sabendo, a través dos medios de comunicación, que o Goberno do Estado está traballando na posibilidade de reconverter algún dos xulgados de instrución en xulgados especializados na violencia de xénero, a Corporación Municipal de Santiago de Compostela considera fundamental reiterar a necesidade de dotar a capital de Galicia dun xulgado exclusivo de violencia contra as mulleres sen que isto signifique que se prescinde de ningún outro instrumento xudicial e sen que se elimine ningún outro xulgado de instrución.