A campaña
do 25N do Concello de Santiago pon o foco no negacionismo das violencias machistas e o silencio cómplice
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presentou esta mañá a nova campaña municipal con motivo do 25N, facendo un chamamento a toda a cidadanía para posicionarse contra as violencias machistas. Baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, esta iniciativa encherá as rúas da cidade de impactantes anuncios e mensaxes visuais con imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello e estará reforzada cunha campaña nas redes sociais de Igualdade Compostela.
Así, a campaña do Concello de Santiago polo 25N, Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, pon o foco no negacionismo das violencias machistas e o silencio cómplice.
Na súa intervención, a alcaldesa afirmou que este ano “deixa un forte impacto” polas cifras de violencia machista que contabilizan en Galicia catro feminicidios: en marzo o de Andrea Yturry, de 25 anos; en agosto o de Mercedes Ríos, de 74 anos; en outubro o de Fadoua Akkar, de 46 anos; e esta pasada fin de semana o de Estela Blach, de 36 anos, en Baiona.
A alcaldesa, quen ostenta directamente as competencias municipais de igualdade, destacou que a campaña, baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, apela “a atención de toda a sociedade”, xa que “todas as persoas teñen na súa man o poder de actuar fronte á violencia machista”. Ante esta realidade, o Goberno que preside Sanmartín aposta por unha iniciativa que busca activar a conciencia social en Compostela e convida á cidadanía a deixar de lado a pasividade e a actuar de maneira comprometida na loita contra as violencias machistas.
Baixo o lema "se non queres ser cómplice, mellor implícate", esta iniciativa encherá as rúas da cidade de impactantes anuncios e mensaxes visuais
O lanzamento desta campaña por parte do Concello dáse nun momento no que se está a producir un crecemento do negacionismo e de cuestionamento do compromiso na loita contra as violencias machistas, para pór o foco na importancia de implicarse activamente e deixar de ser parte do silencio que perpetúa a inacción e, por tanto, a violencia.
Esta iniciativa, tamén subliña a necesidade de intensificar os traballos na prevención da violencia machista e de fomentar a educación en igualdade, áreas nas que está comprometido a concentrar esforzos “nun ano que nos sacode coas cifras de feminicidios” ou o mediático xuízo de Gisele Pelicot, unha muller que deu “un valente paso erguendo a voz por ela e por todas as mulleres que sofren violencia”, destacou a rexedora. Neste senso, destacou que é preciso que a sociedade se “remexa contra a inacción” e “recoñeza que non actuar fronte a violencia machista é tamén unha forma de complicidade”.
Campaña
Baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, a campaña articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia. A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañados de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá, como “ISTO NON VAI CONTIGO…, DUBIDO MOITO QUE POIDAS FACER ALGO…, SEGURO QUE NON PODES FACER NADA… e facendo alusión á cifra reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.”
A campaña desenvolverase ata o 30 de novembro e encherá as rúas e prazas de mensaxes en diferentes formatos como lonas en distintas localizacións, autobuses, marquesiñas, carteis ou camisetas. Todos estes materiais poderanse recoller na Casa Xohana Torres entre o 18 e o 23 de novembro de 9:30 a 14:30 h e de 16:30 a 20:30 h. Os distintos materias tamén serán distribuídos na rede de públicas, nos centros socioculturais e nas universidades.
A campaña tamén inclúe un plan de contidos dixitais que aborda as formas cotiás nas que se pode actuar para rachar coa cultura da inacción e do negacionismo, a través das redes sociais e da páxina web do CIM. Desta maneira, ao longo do mes de novembro, os perfís de redes sociais de Igualdade irán enchéndose de contidos variados sobre a cuestión. Entre eles, algúns datos relevantes sobre a magnitude das violencias machistas ou contidos sobre as accións que se poden levar a cabo para deixar de mirar para outro lado.
A rexedora tamén recordou que o vindeiro 22 de novembro ás 19 horas presentarase o libro ‘Caídas’, de Montse Fajardo, gañadora con este traballo do Premio Xohana Torres 2023. O propio día 25 ás 12 horas no Concello faremos o acto institucional de lectura da declaración que aprobamos no pleno do mes de outubro.
Un equipo especializado e integrado por mulleres
A campaña foi creada polas Peaky Branders, un equipo de mulleres do ámbito creativo,
comprometidas co enfoque de igualdade e coidadosamente deseñada para interpelar a
cidadanía dende unha perspectiva de xénero. Ademais, o proceso contou cunha asesoría
especializada en materia de xénero que garantiu que cada mensaxe e elemento visual da
campaña reflectise con sensibilidade e precisión a problemática das violencias machistas, promovendo a reflexión colectiva e a responsabilidade social.
SOLICITA MATERIAIS DESTA CAMPAÑA NO TELÉFONO 621681064
Unha vez solicitados, os mateiriais deben recollerse entre o 18 e o 23 de novembro (ambos incluídos) na Casa Xohana Torres en horario de 9:30 a 14:30 e 16:30 a 20:30 h.