A Corporación municipal aproba a declaración conxunta que reclama un xulgado exclusivo de violencia de xénero para Santiago
Coa aprobación por unanimidade desta declaración na sesión plenaria de hoxe, os grupos municipais reiteran a necesidade de dotar Compostela dun xulgado exclusivo de violencia contra as mulleres “sen que isto signifique que se prescinde de ningún outro instrumento xudicial e sen que se elimine ningún outro xulgado de instrución”.
A través desta declaración, a Corporación Municipal urxe novamente “a necesidade de dotar a capital de Galicia dun xulgado exclusivo de violencia contra as mulleres sen que isto signifique que se prescinde de ningún outro instrumento xudicial e sen que se elimine ningún outro xulgado de instrución”.
No documento sinálase que “tanto a evolución do número de denuncias por violencia machista como as recomendacións para o tratamento especializado destes casos, xustificaron a reclamación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago de Compostela, que foi apoiada pola unanimidade do Pleno da Corporación na sesión ordinaria do 25 de marzo de 2021”.
A declaración fundamenta esta demanda tanto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, que alude ao obxectivo de especializar o tratamento das denuncias por violencia machista, como no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que sinala a necesidade de “reforzar a especialización no ámbito procesual intermedio, xulgados do penal, que é o que atende un maior número de casos” de violencia machista.
Tamén se recorda que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa reunión do 24 de xaneiro de 2025 acordou solicitar a creación de novas unidades xudiciais en Galicia e o primeiro dos órganos solicitados foi o Xulgado de Violencia sobre as Mulleres de Santiago de Compostela. Esta resolución trae causa tamén do acordo da comisión mixta do día 30 de maio de 2024 entre o Tribunal Superior de Galicia e a Xunta de Galicia.