A xornada
“O Padroado de protección á muller” recupera a memoria das mulleres vítimas desta institución franquista

A concelleira de Memoria Histórica, Míriam Louzao, e a xornalista especializada neste ámbito, Montse Fajardo, presentaron esta mañá a xornada “O Padroado de protección á muller” coa que o Concello de Santiago pretende visibilizar a violencia exercida contra as mulleres que pasaron por esta institución franquista que estivo activa desde 1941 ata 1985. Encadrado na semana de sensibilización con motivo do 25N, este evento terá lugar o vindeiro venres 29 de novembro no CSC de Fontiñas. Todas as persoas interesadas en asistir, poden inscribirse a través dun formulario.

Míriam Louzao anunciou que con esta xornada, o Concello arranca “unha nova liña de traballo centrada na recuperación da memoria das mulleres que se chamará ‘As mil marías’”, que estará enfocada en “poñer en valor o papel das mulleres na nosa sociedade, tanto no ámbito galego como no caso concreto de mulleres do noso concello”.

Celebrarase o 29 de novembro a partir das 16 horas no CSC de Fontiñas. O acceso é libre, pero se recomenda a inscrición previa a través dun formulario

A concelleira explicou que esta xornada centrarase no ‘Padroado de protección á muller’,  “unha das institucións franquistas máis descoñecidas e menos divulgadas”, que estivo activa desde 1941 ata 1985, e que “foi creada para exercer control sobre as mulleres consideradas “desacarreiradas”, isto é, para exercer control sobre a moralidade das mulleres polo que afondar no funcionamento deste Padroado e no que supuxo para a nosa sociedade é de suma importancia”. “En Galiza chegou a haber ata unha ducia de institucións deste tipo, onde as mulleres alí recluídas eran consideradas criaturas inmorais e as congregacións relixiosas que lles facían de carcereiras como caritativas benfeitoras”, engadiu.

A xornada está concebida non só como un foro de análise deste temática, senón tamén como un espazo de posta en común de mulleres vítimas do Padroado, que permita o contacto entre compañeiras e mesmo con colectivos creados a nivel estatal para acabar co silencio sobre a represión e violencia que sufriron. Nas distintas sesións tamén se analizarán diversas cuestións relacionadas co funcionamento da institución como o roubo de bebés, a explotación das menores ao seu cargo ou as eivas xudiciais e legais que favorecen o silenciamento destas prácticas. 

A xornada terá lugar o vindeiro 29 de novembro a partir das 16 horas no CSC de Fontiñas. A asistencia é de acceso libre pero que se recomenda inscrición previa no formulario que estará accesible na páxina web do Concello e na de Igualdade.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.