A Xunta de Goberno acorda dotar de autonomía propia o Consello Municipal de Igualdade e aproba o seu proxecto de regulamento

O executivo local deu luz verde ao proxecto de Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, que terá que ser elevado ao Pleno da Corporación para a aprobación inicial. 

Co proxecto de novo regulamento aprobado hoxe en Xunta de Goberno, o executivo busca dotar de autonomía propia o Consello Municipal de Igualdade, integrado ata o de agora a través dunha comisión sectorial no Consello de Familia, Benestar Social e Igualdade. Con este acordo, pasaría a ser un órgano independente funcional e normativamente.

O novo regulamento determina, pois, a organización e o funcionamento do Consello Municipal de Igualdade. O título I recolle as disposicións xerais definindo no seu artigo 4 as funcións do Consello, relacionadas todas elas directamente co fomento da participación naqueles aspectos da vida municipal que directa ou indirectamente poidan afectar a materias vencelladas coa igualdade e a diversidade afectivo-sexual.

O título II regula a composición e selección do Consello, que se baseará en criterios de pluralidade e diversidade. O Pleno estará presidido alcaldesa e conta, ademais, cunha Vicepresidencia. O Consello, poderá incorporar como vogais as persoas e entidades vinculadas e non vinculadas ao Concello de acordo con criterios de pluralidade. Pola súa banda, o título III regula o funcionamento e desenvolvemento das sesións .

O Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela ten por obxecto promover, no ámbito local, a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade que inciden sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral por motivo das diversidades existentes –funcional, procedencia ou orixe étnico, racial, cultural, e diversidade afectivo-sexual-.

Así, prevese que o Consello emita informes e ditames sobre temas relacionados coas políticas sectoriais dirixidas ao conxunto da cidadanía; impulse iniciativas para a aprobación de disposicións municipais referentes ao ámbito de competencia do Consello; asesore ao Concello e promova o debate e o coñecemento da execución das políticas, plans e programas municipais no que se concretan as políticas en materia de igualdade e diversidade afectivo-sexual; elabore propostas, emendas, e suxerencias; colabore na posta en marcha de actuacións sobre as principais preocupacións e temáticas de interese; potencie a participación diversa e plural da cidadanía, etc.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.