Arranca
unha nova
edición de Compostela Diversa
co fin de dar visibilidade á realidade LGBT

Preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade participan na campaña de difusión e visualización da realidade LGBT no marco da iniciativa Compostela Diversa, que ofrece un ano máis un amplo programa de actividades lúdicas e de reflexión. Varios puntos da cidade contarán con iluminación e decoración especiais desde o 27 de maio ata o 30 de xuño. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta en rolda de prensa de todas as actividades programadas para esta nova edición.

A lectura do manifesto levarase a cabo o 28 de xuño ás 11 no Obradoiro. O día seguinte Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético

A alcaldesa presentou unha nova edición de Compostela Diversa, programa que inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGBT.

Compostela Diversa naceu en 2018 para facer de Santiago un referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia, e contribuír así ao avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGBT. É unha iniciativa do Concello de Santiago impulsada a través da Concellaría de Igualdade, coa participación da Concellaría de Comercio e de Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración especial do Mercado de Abastos e o colectivo Avante LGBT+.

Esta sexta edición de Compostela Diversa celebrarase do 27 de maio ao 30 de xuño, concentrándose os actos centrais nos últimos dez días. Así, o xoves 20 de xuño haberá un Faladoiro sobre persoas asiladas LGTBI, coa colaboración da ONG Movemento pola Paz. O sábado 22 de xuño, a sección Cinema acollerá a presentación e exhibición do filme ‘Testigos de un tiempo maldito’, con coloquio posterior con Daniela Ferrández e Javier Larrauri, director da película, así como a proxección da curtametraxe de Anxos Fazáns ‘Habitar’.

O venres 28, levarase a cabo a lectura do manifesto ás 11 do mediodía no Pazo de Raxoi. Ao día seguinte, o 29 de xuño, desde as 19.00 ata as 00:00 h a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán, entre outras, Nuria Vil, Zeltia Ire Vire, Pava, Lingua Franca e DJ Nenaza. Haberá tamén un concurso de poesía durante o evento.

De xeito complementario a estas actividades, preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vestiranse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización da diversidade.

Ademais, un ano máis, para visibilizar os valores de Compostela Diversa, Turismo de Santiago colocará iluminación e decoración en espazos públicos destacados como a propia oficina central de Turismo de Santiago, ou en diferentes puntos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Eucalipto dos Namorados, incorporando ademais este ano a praza Roxa como novidade.

Ademais, no Paseo dos Leóns da Alameda instalarase un Arco de Cores de grandes dimensións para que tanto as persoas residentes en Santiago como as persoas que visitan a cidade estes días poidan tomarse unha fotografía cos cores da diversidade coa vista da cidade histórica e da Catedral no fondo. Tamén se vestirán de cores LGTBI a rúa das Ameas, na que está o Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado despois da Catedral. Esta iluminación e decoración especiais estarán visibles desde o 27 de maio ata o 30 de xuño.

PROGRAMA 

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.