Constitúese a Comisión negociadora do I Plan de Igualdade para o persoal do Concello de Santiago
A semana pasado tivo lugar no Pazo de Raxoi a primeira xuntanza da Comisión negociadora que se encargará da elaboración do I Plan de Igualdade para o persoal municipal que estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Conformada por membros do Goberno municipal, do persoal do Concello e representación sindical, a posta en marcha deste órgano, é o primeiro paso no proceso de elaboración deste documento de referencia para acadar a igualdade no Concello de Santiago.
O Plan recollerá medidas de acción coa finalidade de lograr a igualdade entre mulleres e homes nas relacións humanas e na xestión dos recursos
Esta primeira xuntanza marca o punto de partida para a elaboración I Plan de Igualdade, un documento que recollerá unha serie de medidas de acción dirixidas a traballadores e traballadoras municipais coa finalidade de transformar a cultura interna da organización e lograr a igualdade entre mulleres e homes nas relacións humanas e na xestión dos recursos.
Tras a constitución da Comisión Negociadora, levarase a cabo unha recompilación da información a partir de cuestionarios dirixidos a todo o persoal municipal e entrevistas sobre aspectos concretos relacionados coas medidas a implantar. A continuación farase unha análise dos datos cuantitativos e cualitativos obtidos e o posterior deseño das medidas e accións necesarias para acadar os obxectivos xerais e específicos, establecendo indicadores de seguimento e avaliación, calendario para a súa execución, as áreas responsables de facelo, así como unha serie de pautas para o seu seguimento e avaliación.
A comisión negociadora do Plan de Igualdade, está presidida pola alcaldesa Goretti Sanmartín, coa vicepresidencia do concelleiro Manuel César Vila. Formarán parte como vogais, a concelleira María Rozas Pérez e varios representantes dos departamentos municipais de Persoal, Igualdade, Servizos Sociais, Prevención de Riscos Laborais, así como representantes do Comité de empresa e da Xunta de Persoal.