En marcha a convocatoria 2024 de subvencións destinadas ao fomento de actividades a prol da igualdade e da prevención das violencias machistas

Dende mañá, 25 de maio, ata o 10 de xuño de 2024, está aberto o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, bisexual, transexual, intersexual e queer (LGBTIQ+) e de prevención e loita contra as violencias machistas.

A convocatoria publicada no día de hoxe no BOP de A Coruña (BOP. Nº 100 de 24/05/2024) e  impulsada polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Políticas de Igualdade, conta cun orzamento de 30.000 euros, podendo subvencionarse o 100% do gasto presentado, sempre que non supere a contía máxima de 2.800 euros por entidade.

O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 10 de xuño

Estas axudas están destinadas a todas aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que, entre outros requisitos, teñan recollido expresamente nos seus estatutos, como obxecto ou entre os seus fins, a consecución da efectiva igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes e/ou a defensa dos dereitos e liberdades das persoas e colectivo LGTBQI. Tamén deben ter sede, domicilio social ou delegación permanente no termo municipal de Compostela.

A convocatoria conta con 3 liñas de axudas:

Liña 1. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero.

Liña 2. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI, no que se inclúen accións de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos do colectivo.

Liña 3. Programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Compostela. O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas que teñan como finalidade a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

As solicitudes presentarase de forma telemática na sede electrónica do Concello de Santiago, a través do trámite “Subvencións fomento da igualdade” (solicitude CS006I) ou en calquera outro dos rexistros previstos na Lei 39/2015, e 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

BASES DA CONVOCATORIA

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.