VIOLENCIA MACHISTA
A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio pola menor asasinada en Madrid vítima de violencia vicaria. A violencia vicaria é aquela que se exerce sobre a muller co fin de causarlle o máximo dano psicolóxico e padecemento a través de terceiras persoas, chegando ao seu grao máis elevado de crueldade co asasinato desas personas (fillos e fillas, nai, pai, parella actual…).
Membros da Corporación participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da menor asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.
A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres.
O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.