A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio polas dúas mulleres asasinadas o 29 de decembro en Barcelona e o 12 de xaneiro en Málaga, vítimas de violencia machista, así como pola nena e o neno asasinados por violencia vicaria o pasado 6 de xaneiro en Barcelona. Membros da Corporación e persoal do Concello participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo das mulleres e os menores asasinados. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.
A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.