HOMES
DO FUTURO
O CIM Compostela estrea co novo ano na súa web e redes sociais Homes do futuro, unha serie de catro audiovisuais nos que Cruz Dafonte e Manuel Tato recollen as reflexións sobre diferentes temáticas relacionadas coas violencias machistas de nove mozos de Santiago de Compostela de idades comprendidas entre os 10 e os 29 anos.
A metodoloxía que empregou para realizar o proxecto consistiu en entrevistas individualizadas en diferentes contextos nos que se relacionan os nosos protagonistas. As súas respostas espontáneas poden servirnos de diagnose para analizar desde outra óptica as diversas formas e ámbitos nos que se manifesta a violencia contra as mulleres.
Estas pezas queren abrir un debate social para buscar propostas conxuntas a ter en conta á hora de planificar futuras políticas públicas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas.
“A perspectiva de xénero amósanos que a violencia de xénero non é un problema “das mulleres” senón un problema “para elas” , un problema do que sofren os seus efectos, un problema dunha sociedade androcéntrica e patriarcal que as inferioriza e que se resiste ao cambio,e, finalmente tamén un problema dos homes que son os que a exercen para manter a “orde de xénero”, que a toleran e lexitiman con maior frecuencia. Son as normas deste tipo de sociedade as que propician e toleran a violencia e son xeralmente eles os que a exercen de diversas formas e en diferentes ámbitos”.
Bonino Luis (2008): Hombres y Violencia de Género. Más allá de los maltratadores y de los factores de riesgo