O Concello conmemora o Día das Mulleres Rurais cun faladoiro en Laraño

O martes 15 de outubro, con motivo do Día das Mulleres Rurais, o Concello organiza un faladoiro para dar a coñecer de primeira man iniciativas de mulleres que viven e traballan no rural e compartir as súas experiencias nos ámbitos profesional, social e comunitario. O evento, que está organizado polas concellarías de Rural e de Igualdade, terá lugar nun Centro sociocultural do rural, concretamente no de Laraño, e comezará ás 18h.

A primeira parte do encontro consistirá en dúas conversas, que guiará a xornalista Xiana Arias, e que terán como protagonistas a mulleres que traballan e viven no rural tanto de Compostela como noutros lugares de Galicia. Mentres que a segunda parte do acto ofrece un espazo de socialización entre todas as persoas asistentes para manter conversas máis personalizadas.

Participarán, entre outras, a artesá e zoqueira Elena Ferro e a enxeñeira agrícola e empresaria Celtia Traviesas

Na primeira das conversas participarán a artesá e zoqueira Elena Ferro e a enxeñeira agrícola e empresaria Celtia Traviesas. Elena Ferro dará a coñecer a súa experiencia no ámbito da artesanía, con especial incidencia en como a construción dun relato que combina tradición, creatividade e unha clara aposta por unha forma distinta de comunicar, está levando o seu traballo desde Merza, unha parroquia de Vila de Cruces, máis aló das fronteiras do noso país. Pola súa banda, Celtia Traviesas, como socia dunha consultora técnica e ambiental especializada na posta en valor do patrimonio natural e cultural, explicará o seu traballo de xestión das actividades do complexo histórico-recreativo das Minas Consuelo e Boulloso, no concello da Pontenova.

Na segunda das conversas participarán tres mulleres do rural de Compostela: Rosa Pose Castro, profesora da Escola Unitaria do Rial, en Laraño, María Torres Salvado, veciña da Sabugueira e membro moi activo da asociación de mulleres rurais desta parroquia, e Icíar Vidal Iglesias, unha moza que durante o curso escolar imparte clases extraescolares e na tempada estival organiza actividades que axudan á conciliación das familias da súa parroquia.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.