O Concello recoñecerá oito mulleres vinculadas a Compostela con motivo do 8 de marzo

O Consello Asesor de Condecoracións aprobou esta mañá a lista de persoas escollidas polo conxunto da Corporación municipal para recibir o premio ‘Mulleres de Compostela 2025’, co que o Concello de Santiago recoñece a traxectoria persoal e profesional de oito mulleres naturais de Compostela ou que viven e desenvolven as súas tarefas profesionais na cidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo.

Trátase da primeira vez que, a través deste Consello, representantes de todos os grupos políticos municipais consensúan a listaxe de mulleres galardonadas, tras a inclusión deste premio no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago, aprobada polo Pleno municipal do pasado 29 de xuño.  

As oito premiadas serán recoñecidas coa distinción "Mulleres de Compostela" nunha gala que terá lugar o vindeiro 7 de marzo no Auditorio de Galicia

Premiadas

Nesta edición, o Concello recoñecerá o labor de dúas mulleres referentes no mundo da cultura galega, como son a cantante Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, e a actriz de cine, teatro e televisión, Melania Cruz, premio de Cultura Galega das artes escénicas e Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina.

No ámbito do asociacionismo local, o Concello concederá esta distinción a Esperanza Nogueira, expresidenta da Asociación A Xunlla de Laraño, e a Teresa González, expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), e que preside na actualidade a federación galega de persoas afectadas por esta enfermidade, a FEGADEM. Tamén recibirán este recoñecemento Carme Castro, que preside o Fútbol Club San Pedro desde 2020, e Pilar Astray, socia activa da Asociación do traxe Galego desde hai máis de 30 anos, na que desempeñou varios cargos directivos, incluído o de presidenta.

O premio ‘Mulleres de Compostela’ tamén irá para dúas figuras referentes da hostalaría compostelá: María Suárez, que rexenta desde 1990 a popular taberna Chantadina no barrio de Sar, e Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca na rúa do Franco, no que leva 50 anos á fronte dos fogóns.

A gala de entrega dos premios terá lugar o vindeiro día 7 de marzo no Auditorio de Galicia e será conducido por Rosa Aneiros con actuacións de Sheila Patricia.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.