O Concello súmase ás reivindicacións do 25N coa lectura dunha declaración institucional contra a violencia machista
O Concello de Santiago sumouse un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25 de novembro, coa lectura por parte dos membros da Corporación dunha declaración institucional na que se condenan todas as formas de violencia machista e os feminicidios e comprométense a traballar prevención deste tipo de violencia e na atención ás vítimas con medidas concretas e de xeito coordinado con outras institucións.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 4 de novembro. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Mercedes Rosón (PsdG), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) fixeron lectura do texto que pechou a rexedora. No acto tamén tomou parte o alumnado do IES Eduardo Pondal coa lectura duns textos de rexeitamento á violencia machista.
Impulsada polos catro grupos políticos municipais, a declaración fai un chamamento a “reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres”. En concreto, a declaración subliña a necesidade de “intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión” e “concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos”.
Fíxose un chamamento a que todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista
O manifesto recorda que este ano houbo tres feminicidios en Galicia “que acrecentan o cómputo de mulleres asasinadas en Galicia desde o inicio das estatísticas no ano 2003 ata máis de 70”, o que deixa “unha media de máis de tres mulleres asasinadas por violencia machista nos últimos 21 anos, e que suman 1282 vítimas no conxunto do Estado español desde o 1 de xaneiro de 2003”.
Fronte esta realidade, faise un chamamento ás administracións públicas para que convirtan as políticas a prol da igualdade e contra a violencia de xénero nunha “prioridade de acción”, e a que “todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista, porque só posicionándonos con contundencia seremos capaces de erradicala“.
A Corporación municipal comprométese a “dedicar os recursos necesarios a traballar a prol da igualdade e pola eliminación da violencia contra as mulleres” e enumera algunhas medidas concretas: destinar o 1% do orzamento municipal á prevención da violencia machista e á prestación de servizos de atención ás vítimas, impulsar a coordinación do traballo preventivo e de intervención fronte a violencia machista a través da Mesa local de coordinación interinstitucional, incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas de violencia machista a todos os niveis de acción do Concello, ou continuar a desenvolver campañas de información e sensibilización.
A declaración tamén reitera “o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero” no seu papel como “primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias” e insta á Xunta de Galicia a ” incrementar o orzamento destinado aos Centros de Información ás Mulleres para baixar as ratios e garantir o desenvolvemento de traballo preventivo e de intervención.”