O executivo municipal destinará máis de 150.000 euros a reforzar os servizos da Casa Xohana Torres e incluír asesoramento LGBTIQ+

A Xunta de Goberno deu luz verde ao expediente de contratación do servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da casa das mulleres “Xohana Torres” (CXT) e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ do Concello de Santiago, cun orzamento base de licitación de 150.183,20 € (base impoñible de 136.530,18 € máis IVE do 21% de 13.653,02 €), que cubrirá o servizo ata o ano 2027. “Queremos converter a Casa Xohana Torres nun espazo de referencia, con programación e atención regular, que incorpore entre os seus servizos o asesoramento LGBTIQ+”, destacou en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.

Louzao recordou que nos últimos anos a coordinación da Casa Xohana Torres fíxose a través de contratos menores, polo que este novo contrato permitirá “incrementar as horas de apertura, a oferta de actividades, dotar dunha maior estabilidade as accións que se desenvolvan e incluír unha nova prestación: o asesoramento LGBTIQ+”. Segundo salientou a concelleira, o obxectivo é converter este espazo nun “equipamento esencial da área de igualdade” e responder así  “ás peticións do movemento feminista e do movemento LGBTIQ+ do noso concello”, reforzando o traballo que xa se realiza desde o Centro de Información ás Mulleres ou con iniciativas como o programa de educación afectivo-sexual que desenvolvemos nos centros educativos. 

O obxectivo é converter este espazo nun “equipamento esencial da área de igualdade” e responder “ás peticións do movemento feminista e LGBTIQ+”

En concreto, a nova licitación garantirá que o centro estea aberto diariamente, tanto na función de asesoramento como de atención a persoas e entidades e unha programación propia “máis enriquecida e estable, aínda que se manterá o mecanismo de reserva de espazos para que as entidades que o desexen poidan seguir utilizándoo fóra das horas de atención ordinarias”, detallou a concelleira. 

A Casa Xohana Torres estará xestionada por un equipo multidisciplinar formado por 7 profesionais, todos eles con formación específica en igualdade: unha persoa responsable da coordinación xeral, unha persoa especialista en políticas de xénero, unha persoa de comunicación e unha educadora social. Para a atención específica do Servizo de Asesoramento LGBTIQ+, incorporarase persoal no servizos de asesoría xurídica e de psicoloxía. 

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.