O Xardín das Pedras que Falan homenaxea tres novas poetas: Olga Novo, Laura Pugno e Moon Chung Hee

O Xardín das Pedras que Falan

O Xardín das Pedras que Falan, sito no xardín de Fonseca, conta dende hoxe cos versos de tres novas poetas: Olga Novo, Laura Pugno e Moon Chung Hee. As pedras cos seus textos foron descubertas este mediodía, nun acto presidido polo alcalde. Xosé Sánchez Bugallo felicitounas e sinalou que desde hoxe, “estas tres mulleres excepcionais pasan a formar parte permanente, para sempre, da vida de Santiago, unha cidade de pedra, de terra e de árbores”.
Olga Novo di, nestes versos inéditos, que “a última vangarda é o amor”. Para Laura Pugno “aflora a palabra como un pedazo de óso, un pensamento entre a mente e a herba”. E Moon Chung Hee, a única homenaxeada ausente, escribiu: “son eu o único xeito de atoparme. Baixo o ceo cheo da pregunta”. Estas tres novas pedras suman quince, das 42 previstas no proxecto. No acto tamén estaban presentes o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC e un dos impulsores do proxecto xunto o escritor Suso de Toro; así como os edís Branca Novoneyra e Jorge Duarte, de Compostela Aberta.
Laura Pugno destacou na súa intervención que estes versos “posiblemente sexan a parte máis duradeira da miña obra, moito máis que o papel ou a pantalla dixital. As palabras, sinalou citando ao escritor italiano Giorgio Basta, “son como os ósos blancos que quedan dos corpos dos heroes, despois de que todo se consuma. Gústame pensar que a poesía, os versos, son o que queda de nós despois de que teñamos atravesado todo. Grazas por convidarme a formar parte desta espiral poética”.
A poeta Olga Novo comparou estas pedras do Xardín das Pedras que Falan, coas que construiron as casas dos nosos antepasados: “Considero que esas dúas pedras dialogan na profundidade do coñecemento, do saber, que non coñecen barreiras nin fronteiras. Estas pedras dialogan coas do pasado, nun presente feliz que as iguala. E na vangarda deses meus versos, está a homenaxe ao pensamento de avanzada, libre, libertario, que representou con grande lucidez, Eugenio Granell. Aquí temos o seu museo, o seu grande tesouro, cuxa gran divisa é poesía, amor e liberdade. El ben sabía que a primeira e, polo tanto, a última vangarda é e será sempre o amor”.
Deulles a benvida a concelleira de Acción Cultural e de Políticas de Igualdade. Mercedes Rosón explicou que se escolleu esta data para facela coincidir co mes das mulleres, o 8 de marzo celébrase o Día da Muller, e co día da Poesía, representado en Santiago polo festival “Alguén que respira”, que se inaugura mañá. Rosón rematou citando os versos inéditos gravados sobre as tres superficies de granito: “verbas que traspasan a pedra, transmitindo sentimento, diversidade, arte e universalidade”.
Antonio López, destacou que este proxecto “vén converter o que foi un xardín botánico, con plantas con ánimo de curar o corpo”, nun xardín para curar o espírito. “Estas pedras, penso, tamén teñen hoxe unha función medicinal, que nos axuda a reflexionar”.
Claudio Rodríguez Fer puxo en valor a obra “destas tres mulleres”, Moon Chung Hee, “que esperemos poida vir a Santiago algún día para ver as súas palabras impresas sobre a pedra”; Laura Pugno, “cunha ampla traxectoria literaria, que xa é máis coñecida entre nós polas súas obras traducidas ao castelán e porque foi directora do Instituto Italiano de Cultural en Madrid”; e Olga Novo, “unha poeta que moita xente xa coñece en Galicia e cada vez máis de fóra de Galicia, a última poeta galega que levou o “Premio Nacional de Poesía”. Agradeceu o apoio do Concello de Santiago e a USC e a execución dos versos sobre a pedra que realiza o artista Pepe Barro.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.