Reactívase Territorio das Mulleres e póñense en marcha dous programas educativos sobre igualdade

A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe a reactivación do proxecto Territorio das Mulleres, o paraugas institucional baixo o que se desenvolverán, durante os próximos 14 meses, campañas, programas, festas e obradoiros en espazos abertos. Este programa é un dos tres piares sobre o que se asentan as políticas de igualdade do Concello de Santiago.

O segundo, é a educación e concienciación, cuberto cos proxectos COMPIGUAL (COMPostela pla IGUALdade de xénero) e Melibea, tamén presentados hoxe. E o terceiro piar sería a Casa Xohana Torres, un espazo de debate e reflexión no que conflúen as políticas, programas e proxectos que teñen como finalizada avazar cara a consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres; e que despois da permanecer pechada durante a pandemia, abriu as súas portas o pasado venres. Estes tres piares, sinalou Mercedes Rosón, xa están activados” e servirán “para situar á igualdade como centro de todas as nosas accións”. A concelleira recordou a transversalidade das políticas de igualdade, necesarias, dixo, para construir unha “cidade máis solidaria, máis igualitaria e máis diversa”.

Todas estas accións, a excepción do proxecto Melibea, forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Territorio das Mulleres
Territorio das Mulleres naceu no 2016 co obxectivo de dar cobertura e poñer en valor as políticas públicas feministas que viñan traballando pola incorporación da perspectiva de xénero na administración municipal e tamén na vida cotiá da veciñanza compostelá. Unha ferramenta, sinalou a concelleira, “amplificadora de todo o que pasa en Compostela” en materia de igualdade.

Despois do parón forzoso marcado pola pandemia, a Concellaría de Políticas de Igualdade, recupera esta marca con azos renovados, apoiada no programa Revive Santiago que conta con financiamento dos fondos europeos FEDER para a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi). Segundo sinalou Mercedes Rosón, “hoxe preséntase unha nova etapa do proxecto Territorio das Mulleres, que trasladará á cidadanía o compromiso do goberno municipal coas políticas de igualdade”.

A concelleira estivo acompañada por tres técnicas do proxecto, Sonia Díaz, Lucía Fernández e Raquel González Ferrón. É o novo equipo do proxecto “Compostela, Territorio das Mulleres”: unha experta en políticas de xénero, unha técnica de comunicación e a coordinadora xeral da empresa Atlantic Ponte, que comezaron xa a revisión do Mapa feminista da cidade, ao que se incorporarán, ademais do sector da hostalería, o do comercio e o da cultura. O obxectivo é elaborar unha foto fixa do empresariado da cidade comprometido coa igualdade. As entidades e as persoas que queiran formar parte do programa poden amosar o seu interese a través da web, das redes sociais e do correo electrónico territoriodasmulleres@gmail.com.

http://www.santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?id_nova=20502&lg=gal

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.