SEMANA ESCOLAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe a “Semana escolar contra a violencia de xénero”, que se desenvolverá entre o 22 e o 26 de novembro, e na que se inscribiron 3.454 persoas, entre alumnado e profesorado de 2º, 3º e 4º da ESO; e primeiro de Bacharelato dos IES de Santiago de Compostela. A acitividade está coordinada por Diego Lago, presente tamén na rolda de prensa.
A “Semana escolar contra a violencia de xénero” está promovida pola concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago, co obxectivo de afondar nun dos principais problemas da nosa sociedade, a violencia de xénero. Con esta finalidade, o Concello de Santiago editou a novela con banda deseñada Amor amargo. O libro, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Victoria Riveiro Currais, con portada de Antonio Seijas, narra a relación de primeiro amor e de parella entre Ana e Xano que pode semellar unha situación normal e habitual entre adolescentes na fronteira de deixar de selo. Pero hai certas actitudes e comportamentos que van desencadear unha serie de problemas e espertar as alarmas nas amizades máis íntimas de Ana.
Os personaxes da historia son retratos de rapazas e rapaces, Marta, Amanda, Carlos, Luís, Lupe, Miguel…, de entre quince e vinte anos que viven un verán xuntos, como veñen facendo desde a infancia. Porén na cuadrilla hai un conflito por mor do namoramento de Ana, un amor que vai resultar amargo.
O acoso psicolóxico, os ciumes, as mentiras, a solidariedade, a comprensión e a incomprensión, os afectos e as envexas tecen unha situación que escapa á normalidade dunha relación de parella aparentemente normal e mesmo das propias amizades saudables. Non é unha historia moralizante, aínda que o desenvolvemento das accións amosan exemplos reais.
Segundo sinalou Mercedes Rosón, “un dos principais traballos que estamos facendo é por de manifesto eses elementos que moitas veces pasan inadvertidos, que non se lle da o valor que teñen, e que son os que realmente producen esas situacións tremendas e dramáticas da violencia de xénero”. “Este ano, dentro da propia dinámica de Compostela en negro publicamos ese iceberg que na parte de abaixo, na máis importante, contempla todas esas cousas: os ciumes, anulación, desprezo, desvalorización, anulación, ameazas. Todos eses comportamentos que hai que coñecer para evitar e correxir, desde a mais pequena infancia”, engadiu a concelleira.
Guía do profesorado
Para establecer as actividades, dirixidas ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO, redactouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado, elaborada polo equipo didáctico da organización do proxecto, con pautas para utilizar a novela, que recibiu todo o alumnado e profesorado inscrito. Nalgúns centros tamén participa alumnado de primeiro de bacharelato.
O 26 de novembro, como conclusión das actividades, ás 12.00 h. da mañá, os IES participantes que o consideren axeitado procederán á realización dunha serie de actos relacionados cos traballos propostos ao longo da semana escolar.
Está previsto que cada estudante reciba o seu exemplar do libro “Amor amargo” en propiedade. Esta acción, aparentemente sen importancia, crea un vínculo co proxecto no que se participa. Ao tempo, a presenza dun libro no fogar propicia a participación dos e das maiores, directa ou indirectamente, motivando aínda máis o alumnado. Outro dos obxectivos desta campaña é propiciar, na medida do posible, a implicación das familias, as ANPA e as asociacións culturais da contorna do centro escolar.
Segundo sinalou Mercedes Rosón, “é certo que existe un retroceso que ten que ver con factores como a negación da violencia contra mulleres. E polo tanto o factor educación para nós é o principal. A través da educación, da educación en todas as súas escala, poderemos ter éxito agora, no presente, e no futuro”.