ESPAZO PARA AS BOAS VERBAS
Compostela, Territorio das Mulleres lanza a campaña “Espazo para as boas verbas”, que emprega a poesía para reivindicar os establecementos e entidades adheridas ao proxecto como espazos luminosos e libres de violencia. Un poema de Sesé Mateo sinala os espazos que forman parte do Territorio das Mulleres, nunha actividade poética que se completou esta mañá cun recital de Petronila Daza e Bea López Jerez na Casa Xohana Torres.
A forza da poesía na loita contra a violencia.
Sesé Mateo fíxose tristemente coñecida en 2017, cando foi asasinada na súa casa de Redondela pola súa exparella nun acto de violencia machista. No segundo aniversario da súa morte, o seu fillo maior, Joshua, e un grupo de mulleres editaron os seus poemas nun pequeno volume que reactivou a loita social e política que sempre guiara a vida desta poeta combativa, converténdoa nunha incona da loita contra a violencia machista.
Este poemario póstumo, No camiño do vento, esgotou axiña a súa primeira edición, recadando miles de euros para o Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres, que axuda as orfas e orfos da violencia machista. Froito do impulso acadado pola edición deste volume e do traballo de divulgación realizado polo fillo maior de Sesé en centros de ensino e medios de comunicación, naceu tamén o Premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista, cuxa primeira edición se falla esta semana en Redondela.
Un dos poemas de Sesé Mateo, Silencio, sinala os establecementos adheridos ao programa Compostela, Territorio das Mulleres como espazos luminosos e libres de violencia, espazos para as boas verbas que permitan que as mulleres rompan o seu silencio e compartan as súas preocupacións, as súas dores e as súas esperanzas.