Bota a andar o Consello Municipal de Igualdade co fortalecemento da Casa Xohana Torres e o lanzamento do Servizo de Asesoramento LGBTI

 O Consello Municipal de Igualdade bota a andar da man do Concello de Santiago, que desenvolveu hoxe a súa primeira xuntanza.  Así, unha das principais prioridades é a recuperación da Casa Xohana Torres como espazo de referencia para ofrecer programación e atención regular, ademais da posta en marcha do Servizo de Asesoramento LGBTI. A estimación é que ambas iniciativas comecen a funcionar no mes de decembro.

Goretti Sanmartín presidiu hoxe a primeira xuntanza, na que solicitaron participar máis de 20 entidades representativas do tecido feminista e LGBTI, así como representantes dos 4 grupos políticos da Corporación municipal.

Goretti Sanmartín preside a primeira xuntanza na que participaron máis de 20 entidades representativas do tecido feminista e LGBTI

A Casa Xohana Torres estará xestionada por un equipo multidisciplinar formado por sete profesionais con formación específica en igualdade. Neste modelo, o Concello de Santiago, aposta por unha participación activa de representantes do asociacionismo feminista e LGBTI. Ademais de programación e atención regular, manterase o mecanismo de reserva de espazos para que as entidades que o desexen poidan seguir utilizándoo fóra do horario de atención da casa.

No Consello Municipal de Igualdade tamén se deu conta doutras iniciativas como o Protocolo Troula Segura, que aborda as violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno, a reactivación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero e o reforzo do persoal do Centro de Atención ás Mulleres (CIM). Este protocolo xa contaba a comezos do mes de agosto con 61 establecementos e entidades adheridas.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.