Aprobación definitiva e publicación do Regulamento Orgánico municipal do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela

O BOP (Boletín Oficial da Provincia da Coruña) publicou con data de hoxe, venres 28 de xuño de 2024, a aprobación definitiva e publicación do Regulamento Orgánico municipal do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela.

O novo Regulamento, aprobado polo conxunto da Corporación no Pleno celebrado o pasado 24 de abril, determina a organización e o funcionamento do Consello Municipal de Igualdade co obxectivo de convertelo nun órgano independente funcional e normativamente.

Este Consello ten por obxecto promover, no ámbito local, a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade que incide sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral por motivo das diversidades existentes –funcional, procedencia ou orixe étnico, racial, cultural, e diversidade afectivo-sexual-.

Este Consello ten por obxecto promover a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade

Os seus obxectivos son:

a) Converterse nun espazo onde se expoñan iniciativas específicas do concello, así como das entidades e colectivos que compoñen o Consello.

b) Orientar como órgano consultivo a política municipal no ámbito da igualdade de xénero e a diversidade afectivo sexual.

c) Analizar a situación social de Santiago de Compostela co fin de valorar e de optimizar actividades e os recursos da concellería competente en materia de igualdade de xénero e a diversidade afectivo sexual, así como os das propias entidades e colectivos que integran o Consello.

d) Participar no establecemento de obxectivos xerais e específicos da política municipal de igualdade, especialmente na transversalidade da mesma no conxunto das políticas municipais.

e) Coñecer e valorar as liñas orzamentarias municipais en materia de igualdade de xénero, así como elaborar e dirixir as propostas orzamentarias  que considerar.

f) Constituír un espazo de traballo en rede co fin de axilizar e ser máis eficaz nos cometidos do Consello.

MÁIS INFORMACIÓN AQUÍ

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.