O Pleno da Corporación Municipal aproba por unanimidade a declaración institucional polo 25N
O Pleno da Corporación Municipal aprobou onte de maneira unánime unha declaración institucional, coa que que se suma ás reivindicacións do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.
O texto acordado polos catro grupos fai un chamamento a “reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres”. En concreto, a declaración subliña a necesidade de “intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión” e “concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos“.
O manifesto recorda que este ano houbo tres feminicidios en Galicia “que acrecentan o cómputo de mulleres asasinadas en Galicia desde o inicio das estatísticas no ano 2003 ata máis de 70”, o que deixa “unha media de máis de tres mulleres asasinadas por violencia machista nos últimos 21 anos, e que suman 1282 vítimas no conxunto do Estado español desde o 1 de xaneiro de 2003”.
Fronte esta realidade, faise un chamamento ás administracións públicas para que convirtan as políticas a prol da igualdade e contra a violencia de xénero nunha “prioridade de acción“, e a que “todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista, porque só posicionándonos con contundencia seremos capaces de erradicala”.
Faise un chamamento a que todas as persoas asumamos un rol activo na concienciación e na actuación fronte á violencia machista
A Corporación municipal comprométese a “dedicar os recursos necesarios a traballar a prol da igualdade e pola eliminación da violencia contra as mulleres” e enumera algunhas medidas concretas: destinar o 1% do orzamento municipal á prevención da violencia machista e á prestación de servizos de atención ás vítimas, impulsar a coordinación do traballo preventivo e de intervención fronte a violencia machista a través da Mesa local de coordinación interinstitucional, incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas de violencia machista a todos os niveis de acción do Concello, ou continuar a desenvolver campañas de información e sensibilización.
A declaración tamén reitera “o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero” no seu papel como “primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias” e insta á Xunta de Galicia a ” incrementar o orzamento destinado aos Centros de Información ás Mulleres para baixar as ratios e garantir o desenvolvemento de traballo preventivo e de intervención.”