Convócase o Premio Xohana Torres 2021

PREMIO XOHANA TORRES 2021

O Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega encádrase nas medidas que leva a cabo a Concellaría de Políticas de Igualdade para a consecución dos seus obxectivos básicos, entre os que se atopan potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade, facer visible as súas diversas achegas ao longo da historia, promover a igualdade efectiva de mulleres e homes e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres.

O Premio Xohana Torres foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela no ano 1993 co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, na vida da nosa comunidade. Nas primeiras dezasete edicións premiáronse os traballos inéditos de investigación referidos a calquera aspecto social, histórico ou humano das mulleres dentro da comunidade galega. Nas edicións correspondentes aos anos 2009 e o 2010, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico, para abarcar diversas disciplinas como a ciencia, a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a literatura, tendo como obxectivos e protagonistas as mulleres galegas. Entre o 2011 e o 2015 este premio no foi convocado.

No ano 2016 recuperouse de novo o Premio Xohana Torres, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, ese ano o premio abriuse por primeira vez a traballos audiovisuais que tivesen como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que desempeñaron. Na edición 2018 ampliouse a súa finalidade, abarcando a recuperación da memoria histórica das mulleres non só de Santiago de Compostela, senón de toda Galicia.

Na súa edición 2021, o Premio Xohana Torres amplía a súa convocatoria a todo tipo de traballos sobre a participación das mulleres na sociedade, co obxectivo de resaltar o papel protagonista ou o esquecemento das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega. Poderán ser de carácter histórico, político, científico, literario ou artístico e ter forma de ensaio, investigación científica ou composición audiovisual, e sempre se referirán a mulleres galegas ou experiencias das mulleres en Galicia.

Poderá concorrer a esta convocatoria calquera persoa física, individualmente ou nunha agrupación sen personalidade xurídica. As obras que se presenten terán que ser en calquera caso obras inéditas e non premiadas con anterioridade. Terán que estar redactadas en lingua galega e empregar a linguaxe non sexista. E o formato das obras terá que encadrarse nalgunha das dúas modalidades do premio, cada unha das cales está dotada cun premio de 2.500 €, a publicación da obra por conta do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e a máxima difusión posible por parte das entidades organizadoras.

Modalidade ensaio/investigación:
a) As persoas participantes deberán presentar por duplicado un único traballo en soporte dixital, en formato PDF cun tamaño máximo do arquivo de 100 MB presentándose en cada seu DVD ou Pendrive.
Os traballos terán unha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300 páxinas, a dobre espazo, tamaño da fonte 12, con marxines de 2,5 centímetros, a unha soa cara e numeradas.
b) As obras, deberán presentarse coa seguinte estrutura: introdución, na que se exprese o tema e o obxectivo do ensaio; desenvolvemento, coa exposición e análise do tema; conclusións, e bibliografía, coas referencias ás fontes consultadas.

Modalidade creación audiovisual:
a) Os traballos audiovisuais deberán presentarse por duplicado e ter unha duración mínima de 15 minutos e aceptarase calquera tipo de expresión artística.
b) Presentaranse en formato DVD ou pendrive, no que se incluirá unha copia do vídeo.

O prazo de presentación dos traballos remata o 29 de decembro de 2021 ás 14:00 horas. Os traballos, acompañados da solicitude de participación, deben achegarase presencialmente de 9 h a 14 h, de luns a venres, no Departamento de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela sito na Rúa Isaac Díaz Pardo, nº 4 de Santiago de Compostela, baixo o sistema de plica.

Xohana Torres foi unha poeta, dramaturga e novelista que naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros e no ano 1958 recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, e no ano 1972 recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado “Eu tamén navegar”.

Se precisas algúns dos nosos servizos

Podes pedir a túa cita previa

Ou chamar ao noso teléfono

981 542 465

Horario de inverno: de 8 a 15 horas, de luns a venres.

Horario de verán: de 8 a 14 horas, de luns a venres.