O Pleno dá luz verde ao Regulamento do Consello Municipal de Igualdade
O Pleno Municipal acordou esta mañá de xeito unánime a aprobación inicial do Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago que permitirá dotar de autonomía propia a este órgano, integrado ata o de agora a través dunha comisión sectorial no Consello de Familia, Benestar Social e Igualdade.
Asesorará ao Concello de Santiago en políticas, plans e programas en materia de igualdade e diversidade afectivo-sexual
O novo Regulamento aprobado inicialmente polo conxunto da Corporación na sesión ordinaria desta mañá determina a organización e o funcionamento do Consello Municipal de Igualdade co obxectivo de convertelo nun órgano independente funcional e normativamente.
Este Consello ten por obxecto promover, no ámbito local, a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade que incide sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral por motivo das diversidades existentes –funcional, procedencia ou orixe étnico, racial, cultural, e diversidade afectivo-sexual-.
Así, prevese que o Consello emita informes e ditames sobre temas relacionados coas políticas sectoriais dirixidas ao conxunto da cidadanía; impulse iniciativas para a aprobación de disposicións municipais referentes ao ámbito de competencia do Consello; asesore ao Concello e promova o debate e o coñecemento da execución das políticas, plans e programas municipais no que se concretan as políticas en materia de igualdade e diversidade afectivo-sexual; elabore propostas, emendas, e suxerencias; colabore na posta en marcha de actuacións sobre as principais preocupacións e temáticas de interese; potencie a participación diversa e plural da cidadanía, etc.
CONSULTA AQUÍ A DILIXENCIA DE ACORDO.