Constituídas as comisións de traballo da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de Xénero
As dúas comisións de traballo da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero quedaron oficialmente constituídas hoxe tralas reunións telemáticas que mantiveron esta mañá as distintas entidades que compoñen a mesa.
Unha delas, a de Prevención e educación en valores de igualdade, centrarase no ámbito da prevención da violencia de xénero. Na segunda, denominada Coordinación das intervencións e seguimento, o persoal técnico dos distintos servizos e institucións representadas tratarán aspectos máis técnicos relativos á coordinación arredor dos distintos casos que tratan.
A Mesa reactivouse o pasado mes de xaneiro tras cinco anos de parón
Tras cinco anos de parón, a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero reuniuse de novo o pasado mes de xaneiro no Pazo de Raxoi co obxectivo de facer unha diagnose da situación actual da violencia de xénero no Concello de Santiago. Á xuntanza, que estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, representantes dos distintos servizos municipais, asociacións e membros dos corpos e forzas de seguridade, que acordaron a creación destas dúas comisións para reforzar o seguimento técnico e os labores de prevención neste ámbito.
A rexedora detallou naquel encontro que a Mesa, que leva sen convocarse desde o ano 2018, volve poñerse en marcha “cunha nova visión, máis contido e máis traballo regular” e coa vontade de convocala, “como mínimo, semestralmente”.